Pedaladas cre que a Ordenanza de Mobilidade de Pontevedra non se aprobará neste mandato

Pontevedra
05 de xaneiro 2019

Ante a falta de avances os membros de Pedaladas cren que "o concello presumiblemente está a evitar a modernización da Ordenanza de Mobilidade" para non aprobala neste mandato

Membros da asociación Pedaladas
Membros da asociación Pedaladas / Alejandro Vila

A asociación ciclista Pedaladas insta ao Concello de Pontevedra a presentar xa o borrador da Ordenanza de Mobilidade e a abrir o proceso de participación como obriga a lexislación vixente. Sinalan que este paso é "imprescindible" para poder aprobala dentro deste mandato.

Este colectivo lembra que a maioría das capitais de provincia teñen ordenanzas con menos de dez anos e aínda así están a facer modificacións de urxencia para facilitar o uso da bicicleta, regular os dispositivos de mobilidade eléctrica e garantir a seguridade das persoas nas áreas de preferencia peonil.

A actual ordenanza de Pontevedra é do ano 1989 e "ten infinidade de eivas e non encaixa cunha cidade que busca desenvolver unha estratexia de mobilidade sustentable non baseada no vehículo motorizado particular", indican.

Ante a falta de avances os membros de Pedaladas cren que "o concello presumiblemente está a evitar a modernización da Ordenanza de Mobilidade" para non aprobala neste mandato.

Engaden que con esta decisión o Goberno local do BNG "está a ocasionar un atraso inxustificado e danando os intereses dos veciños en contar cunha mobilidade máis sustentable e saudable".

"Pedimos ao Concello que rectifique", e que presente o borrador de Ordenanza "de inmediato" e que "adopte as solucións aprobadas en ámbito nacional e internacional" na regulación de bicicletas, patinetes eléctricos e outros dispositivos, nas medidas de acougado de tráfico "e que facilite a infraestrutura ciclista necesaria que faga o seu uso posible", remata Pedaladas.