'Pedalear e conversar', a iniciativa de triciclos eléctricos adaptados para fomentar as relacións

Pontevedra
26 de abril 2022

Mediante paseos en triciclo eléctrico especialmente adaptado, este programa impulsado por Afundación reivindica unha forma sostible de vivir as cidades creando novas relacións entre as persoas voluntarias e maiores participantes, e axudando, así mesmo, a paliar situacións de soidade

Usuarias dos triciclos eléctricos do programa 'Pedalear e conversar'
Usuarias dos triciclos eléctricos do programa 'Pedalear e conversar'

Despois de facer as primeiras rutas de proba, en breve os vehículos eléctricos do programa 'Pedalear e conversar' percorrerán as rúas de Pontevedra. Mediante paseos en triciclo eléctrico especialmente adaptado, este programa impulsado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, reivindica unha forma sostible de vivir as cidades creando novas relacións entre as persoas voluntarias e maiores participantes, e axudando, así mesmo, a paliar situacións de soidade.

Este martes presentábase esta iniciativa na sede do Auditorio da rúa Augusto González Besada coa participación de Sabela Couceiro, coordinadora da Área de Maiores de Afundación; Berna Lindín, coordinadora do Espazo +60 Afundación de Pontevedra; Marcos Rey, concelleiro de Benestar Social de Pontevedra; e Daniel Macenlle, director xeral de Protección Cidadá do Concello de Pontevedra. Como persoas usuarias deste programa asistiron as socias do Espazo +60 Afundación Pontevedra, Dolores Cendón e Guadalupe del Río, que aparecen nas fotografías probando os triciclos, e as persoas residentes en Saraiva Joaquín Saborido e Tonita Montoya, centro que tamén se beneficiará deste programa.

Dinamizado desde a área de Maiores de Afundación, 'Pedalear e conversar' enmárcase no movemento internacional 'En bici sen idade', iniciado en Dinamarca.

Ole Kassow foi o creador do mesmo a partir dunha experiencia persoal en Copenhague en 2013. O seu pai sufría esclerose múltiple e, ao pasar por diante dun centro de persoas maiores, decatouse de que chegada unha idade o uso da bicicleta podería serlle imposible. Así, involucrouse en defender o dereito de "sentir o vento na cara" sen importar as limitacións dos anos ou as condicións físicas. Con esta premisa, xurdiu un movemento que xa se encontra activo en 52 países.

Pontevedra é a terceira cidade galega á que chega este programa, tras A Coruña e máis recentemente Vigo. No territorio nacional, está implantado en Donosti, Madrid, Alacante, Albacete, Zaragoza ou Barcelona.

Nestas primeiras probas, as persoas usuarias manifestan a súa felicidade por un servizo que non só lles permitirá volver a visitar diferentes puntos da cidade, senón que tamén fomenta a conversa e o intercambio interxeneracional, coas outras persoas usuarias e co equipo de voluntariado. Nin Loli, aos seus 87 anos, nin Lupe, de 74, montaran nunca en bicicleta e as sensacións son máis ca positivas.

Hai deseñados cinco percorridos de ao redor de dúas horas, nos que se inclúen paradas para desfrutar dos lugares e do intercambio cos acompañantes polo Centro Histórico, Illa das Esculturas, Xunqueiras de Alba, zona comercial de Pontevedra e o paseo pola ría cara a Marín. A idea é que sempre saian á vez os dous triciclos eléctricos dos que dispón o programa, así se posibilitará a interacción entre catro persoas.

Desde a organización sinalan que Pontevedra é unha cidade perfecta para que se poidan desenvolver este tipo de desprazamentos adaptados a todo tipo de mobilidades.

En canto ás persoas voluntarias para formar parte do equipo de apoio e pedaleo, de momento o programa conta con seis. Neste sentido, Afundación convoca unha formación para o sábado 7 de maio na Residencia de Estudantes da avenida de Vigo de 10:30 a 13:30 para aquelas persoas que se queiran unir ao programa como voluntarios. Hai 15 prazas previstas e só se require ser maior de 18 anos, saber andar en bicicleta e ter unha sensibilidade pola área do maior. Toda a información pódese recabar na sede da Obra Social de Abanca en Pontevedra e Espazo +60 Afundación Pontevedra na praza de San Xosé e no apartado de voluntariado do programa 'Pedalear e conversar' en Pontevedra na web de Afundacion.