Unha pelexa multitudinaria en Campañó acaba con dous detidos e varios policías feridos

Pontevedra
24 de decembro 2025

O sindicato CEP anuncia que nas próximas semanas manifestaranse na cidade "para esixir dignidade para a nosa profesión e que se nos dote dos medios lexislativos e materiais"

Axentes da Policía Nacional
Axentes da Policía Nacional / Mónica Patxot

Varios axentes da Policía Nacional resultaron feridos en acto de servizo cando acudiron a unha chamada por unha pelexa multitudinaria dunha vintena de de persoas.

Ocorreu na noite do pasado venres, 19 de decembro, nas inmediacións dun coñecido restaurante da parroquia pontevedresa de Campañó.

Os axentes foron agredidos, sufriron feridas e contusións e tiveron que ser atendidos nun centro hospitalario. Un deles, un experimentado axente con case trinta anos de servizo e unha carreira policial intachable, está agora de baixa médica.

Como resultado da agresión, dúas persoas foron detidas, segundo confirmaron fontes oficiais da Comisaría Provincial.

O episodio violento sacouno ao a luz o sindicato Confederación Española de Policía (CEP), que relata que os axentes acudiron á pelexa multitudinaria e, ao chegar, localizaron a dous dos intervinientes nos arredores.

Cando procedían á súa identificación, acudiu ao lugar a outra parte da liorta, un grupo numeroso de mozos. Á súa chegada, os dous mozos aos que localizaran nun primeiro momento puxéronse "moi agresivos".

Un deles propinou unha puñada a un axente na cara mentres o outro individuo revolvíase contra os axentes. Atacáronlles "dunha maneira irracional".

Finalmente, os policías tiveron que proceder a reducir e a deter a ambos, chegando mesmo a ter que facer uso do inmovilizador eléctrico.

CEP denuncia que os policías pontevedreses pasan a engrosar a "incrible estatística" de que case 17.000 policías nacionais e gardas civís son agredidos cada ano.

Lembra CEP que o Goberno nega a creación en Pontevedra dunha Unidade de Prevención e Reacción da Policía Nacional para actuar neste tipo de situacións, onde é necesario o control do grupo violento.

O sindicato anuncia que se presentará como acusación particular en defensa dos intereses dos policías agredidos e pedirá a máxima pena posible e que os resarzan economicamente das súas lesións.

José Javier Martínez, secretario de comunicación do sindicato CEP en Galicia, sinala que "non entendemos o deixamento e cegueira" do Ministerio do Interior ante unhas situacións de violencia na rúa que "cada día que pasa vólvense máis cotiás e máis violentas".

Anuncian que nas próximas semanas manifestaranse na cidade de Pontevedra "para esixir dignidade para a nosa profesión, e que se nos dote dos medios lexislativos e materiais para afrontar o noso traballo con seguridade".