A Peña Espetad@s acadou os 200 integrantes tras sumar case 70 altas novas. Con esta cifra de inscritos, o colectivo prevé superar as 423 camisetas distribuídas na última edición da Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña.
A asociación, que funciona mediante un sistema de autoxestión e traballo voluntario, presentou unha programación de actividades que se estenderá do 22 ao 26 de xullo, cun anticipo deportivo a comezos de mes.
A axenda abrirase os días 4 e 5 de xullo no pavillón municipal coa celebración do I Trofeo 24 horas de fútbol sala masculino e feminino "VRASAS", que contará con música en directo e mantén o prazo de inscrición aberto.
Xa na semana principal dos festexos, as actividades comezarán o mércores 22 de xullo na Casa Marcial, en Amil, coa festa Pre-Carneiro e as actuacións de Freshkiños e DJ Rami.
O xoves 23, o Café Bar Sergio acollerá a Festa Infantil, a entrega de camisetas e a Baixada do Santo Espetado xunto á batucada Ecos da Terra. A noite continuará con concertos de Valerie's Site, Leite con Jalletas e DJ Álex Brea.
A principal novidade do calendario deste ano lévase a cabo o venres 24 de xullo coa I Romería Interpeñas, organizada en colaboración coa Peña Espeto. O campo de fútbol e a chaira do Buelo serán os escenarios de xogos populares, unha sesión musical con DJ Andremor, unha cea colectiva e a entrega do galardón Espetado/a do Ano.
O sábado 25 de xullo desenvolverase a XV Rondalla Espetada polas rúas e establecementos de Santa Lucía. A xornada inclúe unha sesión vermú, unha paellada coa actuación de Naro, e as intervencións da Banda do Patio & Friends e a Charanga Mil9.
O programa finalizará o domingo 26 coa fotografía oficial da entidade, a asistencia ao xantar oficial do Carneiro ao Espeto e unha sesión de tarde con DJ Moe.