Todo preparado para a IV Ruta BTT do Carneiro deste domingo en Moraña

Umia
04 de xullo 2025

A proba, que inclúe percorridos de 50 e 35 quilómetros e unha andaina popular de 13 quilómetros, rematará cunha degustación gratuíta de carneiro ao espeto

Saída da BTT do Carneiro 2024
Saída da BTT do Carneiro 2024 / BTT do Carneiro

A Carballeira de Santa Lucía de Moraña volverá encherse de afeccionados ao ciclismo de montaña da comarca este domingo 6 co desenvolvemento da IV Ruta BTT do Carneiro, unha proba con 400 prazas dispoñibles e que ofrecerá aos participantes un percorrido esixente polo entorno natural do concello.

A organización do evento, que se enmarca dentro da programación da tradicional Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña, ten preparados dous percorridos para os ciclistas.

Haberá un de 50 quilómetros para os máis experimentados e outro de 35 quilómetros, ambos cunha dificultade catalogada como media-alta. Ademais, celebrarase unha andaina popular gratuíta de 13 quilómetros con dificultade baixa.

A saída terá lugar ás 9:00 horas desde a Carballeira de Santa Lucía, cun formato xa consolidado nas edicións anteriores.

Primeiro sairán os participantes da BTT de forma neutralizada para dar unha volta por Santa Lucía, e posteriormente cruzarán a liña de saída onde se poñerá en marcha o cronómetro oficial. Inmediatamente despois, tomarán a saída os participantes da andaina popular.

A recollida de dorsais realizarase na mesma carballeira desde as 8:00 ata as 8:55 horas da mañá. A organización dispón de servizos de avituallamento durante o percorrido, así como duchas e lavado de bicicletas para os participantes ao remate da proba.

Como colofón, os participantes poderán gozar dunha degustación gratuíta de carneiro ao espeto, o prato estrela da festa que dá nome á proba.

Ademais, cada dorsal incluirá un vale para unha consumición de cervexa no posto da organización. Unha vez que todos os participantes cheguen á meta, repartirase a cervexa restante en formato barra libre ata esgotar existencias.

BTT do Carneiro 2024
BTT do Carneiro 2024BTT do Carneiro

A organización anunciou que este ano, debido ao elevado interese, publica con antelación os tracks  dos percorridos, aínda que advirte de que as tarefas de sinalización e limpeza aínda están en marcha, polo que poden existir tramos sen rematar de marcar, limpar ou incluso intransitables en bicicleta.

Por iso, recomenda aos interesados en recoñecer os trazados facelo nestes últimos días da semana, cando os traballos estean máis avanzados, e extremar as precaucións especialmente nas zonas técnicas onde pode haber persoal traballando.