Pensionistas de CCOO exercítanse cunha protesta no Hospital Provincial de cara á gran manifestación pola sanidade pública

Pontevedra
09 de novembro 2021

Demandan máis presenza de médicos en Atención Primaria e asistencia persoal nas consultas, ademais de reclamar a apertura de centros de saúde que se pecharon en Galicia durante os últimos meses. Este colectivo fai un chamamento para que a cidadanía participe na gran manifestación pola sanidade pública que se vai desenvolver o domingo 14 de novembro en Santiago de Compostela

Protesta de xubilados e pensionistas de CC.OO. reclamando recursos para a sanidade pública
Protesta de xubilados e pensionistas de CC.OO. reclamando recursos para a sanidade pública / PontevedraViva

Pensionistas e xubilados do sindicato Comisións Obreiras concentrábanse este martes diante do Hospital Provincial no segundo acto de protesta que realizan para demandar máis investimentos destinados á sanidade pública co obxectivo de que mellore a atención nos centros de saúde. 

Mercedes Márquez, representante desta sección sindical, manifestaba que a Consellería de Sanidade non só suprimiu médicos de Atención Primaria, senón que tamén se suspenderon probas médicas, que afectan directamente ás persoas de máis idade. Tamén reclama a apertura de centros de saúde que foron pechados durante os últimos meses e piden ás autoridades sanitarias que en Atención Primaria se incremente as categorías profesionais con especialistas en xeriatría ou nutrición.

Do contrario, indica Márquez, están sobrecargando aos médicos de Atención Primaria ao ter que atender este tipo de consultas. Piden, ademais, que a asistencia sexa presencial nos centros de saúde porque o sistema telemático provoca problemas na xente maior. 

Desde a Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Galicia indican que este acto é un avance da protesta prevista para o vindeiro domingo 14 de novembro en Santiago de Compostela. Fan un chamamento á cidadanía para que participen nesa protesta convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública co apoio de xuntas de persoal, colectivos sociais e sindicatos.

As persoas que se queiran apuntar en Pontevedra poden facelo chamando ou enviando mensaxes de whatsapp aos números 616.610.913 e 659.685.729 ou enviando un correo electrónico a [email protected] indicando o número de persoas que asistirán.

O prazo para apuntarse finaliza o venres ás 21.00 horas. A saída de autobuses será desde o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra o día 14 ás 10.30 horas.