Pepe Álvarez e Maruja Cacabelos, premiados coas Cebolas de Ouro

Sanxenxo
26 de agosto 2025
Actualizado: 03 de setembro

O acto de entrega do galardón terá lugar o próximo 4 de setembro, ás 12:30 horas, no recinto portuario

Pepe Álvarez e Maruja Cacabelos, Cebolas de ouro 2025
Pepe Álvarez e Maruja Cacabelos, Cebolas de ouro 2025 / Concello de Sanxenxo

Sanxenxo renderá homenaxe o próximo 4 setembro, coincidindo coa celebración de Santa Rosalía, á ceboleira local Maruja Cacabelos, e ao profesor Pepe Álvarez.

Estes nomes foron escollidos por un xurado presidido polo alcalde do municipio, Telmo Martín e a concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, e que contou coa representación das sete parroquias que conforman Sanxenxo, así como as asociacións Entretendas e o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS).

O acto de entrega do galardón Cebolas de Ouro terá lugar o próximo 4 de setembro, ás 12:30 horas, no recinto portuario.

Maruja Cacabelos

María de los Ángeles Cacabelos Domínguez, Maruja de Gondariño, fai máis de vinte anos que participa na Feira da Cebola logrando distintos premios e recoñecementos nos concursos tanto na ristra máis longa como nas creacións artísticas. Por iso é polo que a súa figura como ceboleira estea moi ligada á cita. As persoas que a coñecen defínena como unha persoa intelixente, adiantada ao seu tempo, emprendedora, independente e con moi boa man para a horta.

Xunto ao seu marido Feliciano, falecido o ano pasado, comezou a dedicarse ao campo nos anos 70. Interesados polas técnicas de cultivo, realizaron varias viaxes ao Levante, introducindo distintas variedades de tomates en colaboración cos enxeñeiros agrícolas da coñecida "Extensión Agraria".

Toda a variedade de legumes e verduras que cultivaban vendíanas no mercado de Sanxenxo, Vilagarcía e Pontevedra, pero tamén a hoteis, restaurantes e supermercados da zona.

Pepe Álvarez

A vida profesional de Xosé Álvarez Castro sempre estivo moi ligada a este municipio. Foi profesor do colexio Magaláns durante máis de vinte anos e, posteriormente, até a súa xubilación, profesor do IES de Baltar- Sanxenxo. Son moitas as xeracións de alumnas e alumnos das diferentes parroquias que lembran ao seu profesor polos métodos pedagóxicos e pola gran capacidade de transmisión do coñecemento.

Pepe Álvarez levaba ao seu alumnado a experimentar fóra das aulas tanto desde un punto de vista histórico como químico ou matemático. Agora xa xubilado, Pepe non falta á ruta anual que se organiza para visitar as mámoas do Chan da Gorita.

Pepe Álvarez é autor de múltiples publicacións como artigos ou libros sobre a represión franquista, en concreto no libro, "Pontevedra nos anos do medo".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora