Percorren en manifestación as rúas da Lama contra os múltiples proxectos eólicos

A Lama
08 de maio 2023

Duranto todo o acto nun ambiente festivo berráronse consignas contra o modelo enerxético actual, a imposición dos parques nas aldeas, e "a complicidade e inacción do Concello"

Manifestación na Lama contra os múltiples proxectos eólicos / Plataforma por un Monte Vivo

A Lama acolleu este domingo unha concentración diante do concello convocada pola Plataforma por un Monte Vivo, "en protesta contra os múltiples proxectos eólicos que están  a asolar o rural galego en xeral e o concello da Lama en particular, coa complicidade da Xunta e o propio Consistorio".

Dende a organización manifestaron que a asistencia "superou amplamente as espectativas" polo que decidiron percorrer nunha improvisada  manifestación as rúas da vila. Algo realmente inusual para este concello.

Durante todo o acto nun ambiente festivo berráronse consignas contra o modelo enerxético actual, a imposición dos parques nas aldeas, e "a complicidade e inacción do Concello".

Pola tarde a plataforma ofreceu á veciñanza de Antas, no seu local social, un mapeo colectivo. A actividade consisteu en axudar aos veciños a localizar as súas vivendas dentro da área afectada polo parque eólico Monte Peón,así como elementos de interese patrimonial como fontes, muíños, petos de animas ou canastros e lugares emblemáticos do monte.

Ademáis foi un exercicio de memoria colectiva, no cal a xente puido lembrar topónimos, usos e costumes e anécdotas entrañables da historia da aldea.

Por outra banda, o grupo municipal do PSdeG-PSOE deu a coñecer que o alcalde Jorge Canda, tramitou tamén o informe técnico favorable para a instalación de once aeroxeradores (sete deles nos montes de Xesta e Verducido) para completar o expediente administrativo de informe de impacto ambiental, requirido pola Xunta de Galicia.

Asegura o PSOE que do mesmo xeito que fixese cos de Monte Peón, o alcalde asinou os decretos de tramitación de exposición pública e trámite urbanístico sen que os veciños de Xesta estivesen ao tanto da tramitación e dos impactos negativos na saúde das persoas e no medio ambiente.