Pleno extraordinario na Lama para escenificar o rexeitamento do pobo ao parque eólico de Monte Peón

A Lama
14 de xullo 2023

A oposición reclama máis información e transparencia e o alcalde David Carrera defiente que non concederá ningunha licenza que non cumpra escrupulosamente con cada unha das normativas

Pleno extraordinario NA Lama para rexeitar o parque eólico de Monte Peón
Pleno extraordinario NA Lama para rexeitar o parque eólico de Monte Peón / Concello de A Lama

A Corporación Municipal da Lama celebrou este xoves un pleno extraordinario, a petición dos grupos da oposición para expresar públicamente o posicionamento de cada partido político con respecto á implantación do parque eólico de Monte Peón e avanzar na información e na transparencia sobre a tramitación deste proxecto.

Así, as catro formacións políticas con representación na Corporación, PPdeG, UCIN, IPR e PsdeG-PSOE, manifestaron o seu rexeitamento á implantación do parque eólico de Monte Peón así como á instalación de macroeólicos no termo municipal. Durante as súas respectivas intervencións, os distintos voceiros da oposición demandaron do goberno local maior transparencia e información sobre a tramitación deste tema criticando que o informe previo emitido polo departamento técnico municipal non fora negativo a este parque eólico desde o primeiro momento.

Por outra banda, en relación á proposta de que o Concello asuma parte dos gastos do proceso xudicial que vai emprender a Comunidade de Montes de Antas contra a implantación do parque eólico de Monte Peón, o alcalde David Carrera, sinalou que no orzamento municipal non aparece partida orzamentaria asignada a este tema e explicou a dificultade legal de asumir por parte da administración local un gasto dunha entidade privada como é o caso da Comunidade de Montes de Antas.

Esta resposta provocou o rexeitamento dos partidos políticos da oposición que lembraron o compromiso do anterior alcalde, Jorge Canda, na xuntanza veciñal do pasado 29 de marzo no Consistorio, de que o Concello asumira parte dese custe que agora ten problemas legais.

O alcalde, quen informou de que a día de hoxe non había petición algunha do parque eólico de Monte Peón para tramitar unha licencia de obra, comprometeuse en nome da Corporación a non tramitar ningunha autorización que non cumpra as preceptivas normativas..

Finalmente e antes de rematar o Pleno, a presidenta da Comunidade de Montes de Antas, Erundina Louro, que se atopaba entre o público solicitou intervir ao cual accedeu de xeito excepcional o alcalde David Carrera. Louro aproveitou a súa alocución para poñer de manifesto a necesidade de que a Corporación asumira como propia a defensa dos intereses xerais da veciñanza afectada pola implantación destes macroparques eólicos, nomeadamente o de Antas.

Erundina Louro avogou para que o Concello poña a disposición dos afectados todos os recursos dos que dispón, tanto técnicos como económicos, para facer fronte a este problema. Louro manifestou que neste tema non deberían primar os intereses dunha multinacional enerxética senón a dos veciños e rematou dicindo que “sempre haberá alguén en fronte dos que queiran rematar co noso xeito de vida”.