César Pérez Ares, xefe territorial de Educación en Pontevedra, visitaba este martes as instalacións do CEIP de Tenorio, situado no municipio de Cerdedo-Cotobade, para comprobar como se vai a aplicar o protocolo anticovid cando se inicien as clases.
O centro xa conta cunha persoa responsable que se encargará de conectar co Punto de Atención Continuada no caso de que se detecten síntomas dalgún caso. Ademais, segundo a Consellería de Educación, foron redistribuídos espazos e as medidas que se adoptarán en relación á limpeza, uso de espazos e protocolo de actuación ante unha incidencia.
Atópanse instalados xa dispensadores de papel e de material de limpeza, hidroalcohol e as entradas e as saídas realízanse por portas diferentes. Neste sentido, estableceuse unha adaptación de beirarrúas na contorna da antiga saída de emerxencia para poder adaptarse a esta medida.
Tamén se preparou unha aula para que os menores realicen exercicios de relaxación e antiestrés. Ademais retiráronse xoguetes e materiais comúns e adaptáronse as aulas ás distancias marcadas polo protocolo.
O centro conta cun comedor que, segundo César Pérez Ares, está preparado para un total de 219 alumnos porque ademais de Infantil e Primaria tamén ofrece servizo aos estudantes do IES de Tenorio, situado nunha zona próxima.