Perfecto Rodríguez considera "totalmente inxustificadas" as protestas polo crematorio da Reigosa

Ponte Caldelas
01 de maio 2015

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, quixo saír ao paso novamente de toda a polémica xerada pola instalación dun crematorio por parte dunha empresa no polígono industrial da Reigosa

Perfecto Rodríguez Concello de Ponte Caldelas

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, quixo saír ao paso novamente de toda a polémica xerada pola instalación dun crematorio por parte dunha empresa no polígono industrial da Reigosa.

Perfecto Rodríguez insiste en que o Concello outorgou a licenza para esa instalación á empresa San Marcos "cumprindo escrupulosamente a lei", polo que o concello outorgou a licenza "como é a súa obriga", xa que as licenzas son actos regulados que "non" dependen da vontade nin da discrecionalidade nin do alcalde nin da corporación", polo que "se un concello non actúa desta forma estaría a cometer unha ilegalidade".

Da mesma forma, explica Perfecto Rodríguez, unha licenza outorgada legalmente non puiden revogarse, tal e como pide o PSOE, "porque de facelo estaríase a cometer un delito de prevaricación".

É dicir, segundo o rexedor, só podería revogala un xulgado sempre e cando a licenza se tivese concedido incumprindo a lei, que non é o caso.

"É falso que tivese enganado os veciños", Perfecto Rodríguez

O alcalde aclarou que é "rotundamente falso" que tivese enganado os veciños hai anos dicíndolles que nunca podería instalarse un crematorio no polígono industrial.

"En todas as declaracións públicas e publicadas nos xornais en febreiro de 2013 sempre dixen que existía a posibilidade legal de que se puidese instalar no parque empresarial da Reigosa, pero tamén se comunicaba que tampouco ningunha empresa o solicitara. Así figura en todos os xornais desas datas", dixo Rodríguez.

"Se quixese enganar os veciños tería podido atrasar a licenza ata despois das eleccións, pero actuei con total transparencia, cando o proxecto tivo todos os informes favorables, outorgouse licenza ao igual que consegue todas as solicitudes e proxectos que se presentan no Concello.

Finalmente o alcalde de Ponte Caldelas apuntou que o crematorio non contamina nin xera molestias e lamentou que "dende o principio o PSOE e algúns veciños da Reigosa se obcecaron con este asunto e en lugar de informarse decidiron xerar unha alarma social totalmente inxustificada".