Performance veciñal para simbolizar a morte de Lourizán ante a ampliación da depuradora

Pontevedra
03 de novembro 2019

Con motivo da celebración de Defuntos, a Plataforma Veciñal de Lourizán recreaba este domingo o 'Camposanto da Dignidade' e anuncia unha convocatoria aberta a toda a cidadanía para levar a cabo unha concentración o venres 8 de novembro ás 20.00 horas ante a Audiencia Provincial de Pontevedra

Performance de protesta 'Camposanto da Dignidade' en Lourizán

Por segundo ano consecutivo, a Plataforma Veciñal de Lourizán desenvolvía este domingo un orixinal acto de protesta con motivo da celebración do Día de Defuntos e recreaba o 'Camposanto da Dignidade' dos Praceres.

A través de cruces e ataúdes, as persoas que participaron quixeron simbolizar o enterro da parroquia de Lourizán con motivo do proxecto da Xunta de Galicia de ampliación da estación depuradora. Entenden que esta iniciativa supón un "atentado contra o sentido común". Alegan que Lourizán é a fachada litoral de Pontevedra e en lugar de ocupar un espazo central dentro do desenvolvemento urbano converteuse no "patio traseiro" do municipio.

Por este motivo critican a acción da Xunta a quen culpan de negarlle o futuro a Lourizán e a Pontvedra. Ante esta situación, este domingo anunciaban a convocatoria aberta a toda a cidadanía para lanzar un SOS en apoio á parroquia. Teñen previsto concentrarse o venres 8 de novembro ás 20.00 horas ante a Audiencia Provincial de Pontevedra. Alí pedirán 'Xustiza para Lourizán' coa reclamación dunha fachada marítima e non toneladas de formigón como, entenden, se contempla no proxecto de ampliación da estación depuradora.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora