Pérgola cuberta na Lama para crear unha zona de sombra e atenuar o efecto illa de calor

A Lama
08 de maio 2026

O goberno autonómico abriu unha nova convocatoria de axudas de case 1,4 millóns de euros para solucións baseadas na natureza e destinadas a reducir, previr e facer fronte ao cambio climático

Pérgola do parque da Lama
Pérgola do parque da Lama / Concello de A Lama

O parque infantil da Lama conta desde 2025 cunha pérgola cuberta que permitiu xerar unha zona de sombra para atenuar o efecto illa de calor.

A actuación, subvencionada pola Xunta con 25.000 euros, incorporou ademais especies vexetais trepadoras que aos poucos van cubrindo a cuberta ata que se poida retirar o canizo instalado de forma provisional.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou a zona este xoves, para pór como exemplo este tipo de intervencións enmarcadas na nova convocatoria de axudas autonómicas para solucións baseadas na natureza.

Este ano, a Xunta concederá 32 axudas por case 1,4 millóns de euros para que os concellos impulsen e executen proxectos destinados a reducir, previr e facer fronte aos efectos do cambio climático.

Anxos Vázquez explicou que a Xunta financiará até o 80% do investimento, cun máximo de 60.000 euros por proxecto e un máximo de tres solicitudes por entidade local.

O goberno autonómico mantén outras liñas de apoio para reforzar a adaptación local ao cambio climático, como a 'Rede local polo clima, o proxecto de refuxio climático na Avenida Otero Pedraio de Ourense ou o programa 'Mocidade polo clima'.