Persoal de centros dependentes de Política Social inicia protestas para reclamar á Xunta as súas vacacións

Pontevedra
28 de maio 2020

A primeira das concentracións previstas por catro centrais sindicais en Galicia desenvolvíase ao mediodía ás portas da residencia de maiores de Campolongo

Concentración ás portas da Residencia de Maiores de Campolongo
Concentración ás portas da Residencia de Maiores de Campolongo / Mónica Patxot

´Feijoo e Fabiola restrinxen as vacacións dos traballadores', 'Conselleira non hai dereito'. 'Non máis abusos ao persoal de política social', 'Por uns servizos públicos e de calidade' son lemas cos que este xoves os sindicatos UXT, Comisións Obreiras, CIG e CSI- F iniciaron un calendario de protestas ante residencias de maiores de toda Galicia e dependentes da Xunta, para reclamar ao executivo galego as súas vacacións.

No caso de Pontevedra, a protesta tiña lugar ao mediodía ás portas da Residencia de Maiores de Campolongo. O malestar estriba "na actitude que toma a Consellería de Política Social que a través dunha circular prohibe aos traballadores de centros da súa competencia coller vacacións durante o período estival", explica Juan Loureiro, secretario provincial da Federación de Servizos de UXT.

"Son traballadores que estiveron todos estes meses ao pé do canón, sometida a unha tensión  grandísima e por iso non entendemos que a Consellería lles negue estas vacacións agora. Din que ninguén pode pedir vacacións neste período de verán e consideramos que agora que se vai volvendo á normalidade o lóxico é que todo este persoal puidese descansar despois de toda a tensión á que estiveron sometidos", engade.

No caso da provincia de Pontevedra, esta negativa afectaría ao redor de tres mil setecentas persoas, correspondentes non só a centros de maiores, tamén ao resto que depende de Política Social, como pode ser na capital o Centro de Menores Avelino Montero.

Os portavoces sindicais explican que tiveron coñecemento da circular fai quince días e que a pesar de tentar que a administración autonómica reconsiderase a súa decisión, non se atenderon as súas reclamacións, polo que se viron abocados á protesta. A deste mércores é a primeira das concentracións autorizadas que continuarán, segundo contemplan, os días 4, 11, 18 e 25 de xuño e o 2 de xullo.