O colectivo de profesionais sanitarios dos Puntos de Atención Continuada (PAC) da área sanitaria enviará unha delegación este mércores 5 para que dialoguen cos Reis Magos de Oriente coa idea de trasladarlles unha carta coas peticións laborais que levan demandando desde hai meses.
É o orixinal modo de protesta destes profesionais que afirman estar "fartos" de que as súas peticións caian en saco roto ao non ser atendidos pola Xerencia da área sanitaria, que lidera José Ramón Gómez. Na carta que trasladarán aos Reis Magos na recepción do Recinto Feiral ás 10.30 horas do mércores 5 van lembrar que "este ano fomos todo o bos que puidemos ser. Ao contrario do que nosas superiores queren facernos crer a nós e á cidadanía, traballamos moitas horas, máis que nunca moitos de nós e continuamos como cada ano esforzándonos por ser mellores no noso traballo".
A continuación relatan que prestaron atención a pacientes tentando buscar solucións para os seus problemas de saúde e resolvendo as dúbidas que formularon;acompañaron en momentos complicados a outros pacientes; estiveron atendendo o teléfono para os pacientes illados pola covid-19; asumiron o traballo propio e o dos compañeiros ausentes por baixas ou vacacións; tentaron mellorar a organización interna e realizaron cursos de formación e impartiron docencia aos residentes.
Na misiva engaden que estes traballos realizáronse a pesar de que a dirección da área obrigounos a "duplicar quendas, a traballar horas e horas sen descanso" indicando que atenderon ata a 100 persoas por quenda "con o estrés e a tensión acumulados nestes dous anos de pandemia". E lamentan que os profesionais fosen "castigados sen os nosos descansos, sen fins de semana libres, sen días de asuntos propios e con continuos cambios de posto de traballo sen aviso previo/previo aviso".
Por iso reclaman para este 2022, unha xerencia competente na organización do traballo, con maior "empatía" cos traballadores e coa poboación; un sistema sanitario máis forte e mellor organizado; orde nas condicións laborais do persoal dos PAC; dignidade e seguridade nos seus postos de traballo; e un "cambio de rumbo inmediato" da Atención Primaria para poder atender á poboación "como se merece".
Despois de entregar a carta, o colectivo trasladarase ata a entrada do Hospital Provincial. Alí, estes profesionais deixarán unha saca de carbón dirixido á Xerencia por non atender as súas reivindicacións.