A capital galega foi este mércores escenario dunha nova xornada de protestas por parte do persoal da fábrica de Ence en Lourizán.
Delegados do comité de empresa concentráronse na entrada do hotel San Francisco, en Santiago de Compostela, onde se celebraba o evento "Galicia, destino inversor", ao que asistían a conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, e o director territorial de Ence en Galicia, Antonio Casal.
A chegada de Lorenzana e Casal produciuse entre un amplo dispositivo policial e os berros dos traballadores, que lles recriminaron os "supostos investimentos e axudas públicas" á empresa no marco do conflito polo Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afecta a 39 dos 282 traballadores da factoría pontevedresa.
Os manifestantes denuncian, unha vez máis, a "nula resposta" ás súas solicitudes de audiencia con representantes da Xunta e criticaron que os representantes fixeran "oídos xordos" ás súas demandas.
Esta mobilización en Santiago súmase á realizada horas antes, durante o martes 9 coincidindo cunha xornada de folga de 24 horas na factoría, cando decenas de traballadores trasladaron a súa protesta á sede do goberno galego en San Caetano.
O foco das críticas dos empregados concéntrase na figura do presidente pontevedrés da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a quen acusan de non atender as súas peticións de reunión.
A próxima cita na mesa de negociación coa dirección da empresa está fixada para mañá, xoves 11 de decembro, en Madrid.