Unha representación do comité de empresa da factoría de Ence en Lourizán, encabezada polo presidente Santiago Cerqueiro e o secretario Omar Vázquez, concentrouse este venres 5 de decembro fronte á sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en Santiago de Compostela.
A protesta tivo lugar durante un acto da CEG con representantes da Xunta de Galicia e da Comisión Europea, co obxectivo de denunciar o incumprimento dos compromisos de investimento e modernización na planta pontevedresa, así como o estancamento na negociación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) proposto pola empresa.
Omar Vázquez lembrou que en 2021, cando a permanencia da fábrica de Pontevedra estaba en risco, o presidente da CEG emitira un comunicado manifestando a necesidade de seguridade xurídica para realizar investimentos e modernización na factoría, mencionando 350 millóns de euros pendentes.
"Levamos tres anos con esa seguridade pola sentenza do Tribunal Supremo, a fábrica estará ata 2073 e seguimos sen investimentos nin modernización", afirmou Vázquez, quen engadiu que só se están a realizar "parches e recortes" nunhas instalacións que cualificou de "moi precarias".
O secretario do comité tamén fixo fincapé na drástica redución de postos de traballo. "Falábase daquela de 800 empregos directos e case 2.700 auxiliares da fábrica e agora estamos enfrontándonos a un ERE para case un 15% dun cadro de persoal de 280 traballadores", lamentou.
Sobre a negociación do ERE, Vázquez cualificouna de "estancada", sen avances e sen que a empresa ofreza a documentación necesaria, o que lles fai sentir que "estamos perdendo o tempo".
Ante esta situación, os representantes dos traballadores anunciaron o inicio dunha folga na factoría o vindeiro martes 9 de decembro, despois de convocar paros ocasionais desde o 8 de novembro.
Ademais, Vázquez avanzou que mobilizarán os compañeiros fronte á Xunta de Galicia para esixir unha reunión co seu presidente, Alfonso Rueda.
"A Xunta avaliou no seu momento os compromisos da empresa. A empresa está incumprindo e a Xunta agora ponse de perfil", criticou, pedindo que se aclare se a promoción pública de emprego e do tecido industrial era "para enriquecer a patronal a base de cargarse emprego e precarizalo".
Finalmente, Omar Vázquez subliñou que, como traballadores e comité de empresa, "vimos a pintarlles a cara polas declaracións que fixeran a raíz da permanencia dicindo que había investimentos pendentes e que se necesitaba seguridade xurídica e comprobamos que en tres anos iso foi un paripé ao non haber investimento, emprego nin compromisos", concluíu.

ENCE GARANTE INVESTIMENTOS
A dirección de Ence indica que, tras sumar catro trimestres consecutivos de perdas, foi necesario poñer en marcha un Plan de Eficiencia e Competitividade que se implementará no período 2025-2027 apoiado en dous piares: por unha banda, a adopción de solucións de Intelixencia Artificial e rexeñaría e automatización de procesos e, por outra, a racionalización dos seus procesos operativos.
A execución dos proxectos dos que se compón este plan implicará unha redución ordenada da súa estrutura de persoal no marco dun procedemento de despedimento colectivo que se implementaría ata 2027.
Estas amortizacións de postos esixen levar a cabo investimentos previos que permitan automatizar tarefas ou mellorar os procesos actuais, algunhas das cales se realizaron xa en 2025.
De forma paralela a este plan segue o seu curso o proxecto Pontevedra Avanza e o proxecto de descarbonización da biofábrica de Navia.
En canto a Pontevedra Avanza, contempla un investimento de preto de 120 millóns para acometer actuacións de melloras.
Ademais do proxecto Pontevedra Avanza, "Ence investiu preto de 220 millóns de euros na súa biofábrica de Pontevedra no período comprendido entre 2015 e 2025", dos que 75 millóns se investiron nos últimos cinco anos (2021-2025), segundo indica a empresa