Tras as xornadas de folga convocadas durante o mes de novembro, decembro traerá un novo paro na fábrica de Ence en Lourizán.
O comité de empresa anunciou este xoves que convocan unha nova xornada de folga o martes 9 de decembro.
O paro será desde as 06.00 horas do martes 9 ás 06:00 do mércores 10, isto é, en todas as quendas do día 9.
Esta convocatoria chega, segundo indican os representantes do comité de empresa como resultado da "traumátca medida de despedimento colectivo" proposta pola compañía pasteira, que comunicou a súa intención de eliminar 39 dos 282 postos de traballo que ten a factoría de Lourizán.
O volume é "inasumible" para a representación dos traballadores e, ao mesmo tempo, "irrenunciable" para a empresa, de modo que as negociacións entre as partes non chegan a bo porto.
Desde o comité atribúen á empresa "mala fe e nula vontade de acordo nin de negociación" no proceso de ERE, ademais de denunciar "a falta de transparencia, información e avance de ningún tipo" no proceso de negociación.
Denuncia tamén o comité "reiterados incumprimentos" do convenio colectivo e dos acordos laborais e falan da "crecente inseguridade" de o persoal, derivada do "estado das instalacións, recortes de servizos, xestión da Dirección e graves carencias de mantemento e investimento".
Ademais da xornada de folga, ese mesmo 9 de decembro, ás 11:00 horas, convocaron unha mobilización no edificio administrativo da Xunta en Santiago de Compostela.
Os traballadores esixen "audiencia inmediata" co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. É unha demanda que levan tempo solicitando "sen éxito".
Previamente, este venres día 5 de decembro, os delegados do comité de empresa presentaranse ante o acto organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia na súa sede de Santiago, ao que asiste representación da Comisión Europea en España e da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, "para visibilizar a gravidade da nosa situación de conflito colectivo".
"REDUCIÓN ORDENADA DE ESTRUTURA DE PERSOAL"
A compañía enmarca esta medida nun "Plan de Eficiencia e Competitividade" a implementar entre 2025 e 2027 como resultado de catro trimestres consecutivos de perdas e explica que implicará unha "redución ordenada da súa estrutura de persoal" no marco dun procedemento de despedimento colectivo ata 2027.
Recoñece "amortizacións de postos" esixen levar a cabo investimentos previos que permitan automatizar tarefas ou mellorar os procesos actuais algunhas das cales se realizaron xa en 2025.
Asegura, ademais, que de forma paralela a este plan, segue o seu curso o proxecto Pontevedra Avanza, que contempla un investimento de preto de 120 millóns para acometer actuacións de melloras.
Fronte ás críticas dos sindicatos de falta de investimentos o a fábrica, indican que, ademais do proxecto Pontevedra Avanza, ao empresa investiu preto de 220 millóns de euros en Pontevedra entre 2015 e 2025.