Personalizar a oferta, proposta de Reinicia Pontevedra para relanzar empresas

Pontevedra
18 de maio 2020

Virginia Pozo, directora creativa de Coosy, analizou con profesionais da empresa local fórmulas para mellorar a experiencia dixital dentro do programa que impulsa o Concello de Pontevedra e a Asociación de Autónomos APE Galicia

Os pontevedreses saen á rúa no primeiro día da fase 1 da desescalada
Os pontevedreses saen á rúa no primeiro día da fase 1 da desescalada / Mónica Patxot

O terceiro Encontro Dixital do ciclo Reinicia Pontevedra desenvolvíase este luns cunha nova cita dixital de temática transversal e multisectorial. Nesta ocasión, o coloquio centrábase no novo servizo ao cliente cunha análise sobre a personalización e a loxística.

Estes encontros, organizados pola Secretaría Técnica de APE Galicia, contan coa colaboración do Concello de Pontevedra a través da concellería de Promoción Económica, que dirixe Yoya Blanco. No encontro telemático deste luns, Virginia Pozo, directora creativa da marca de moda Coosy; Silvia Crespo, directora creativa de Bien Bonito; Alberto Falcón, consultor de  Marketin en Be Differential e Miguel Ángel Souto Fraga, coordinador do ciclo e director de Cimak Consultores analizaron a situación que se abre empresarialmente a partir do novo panorama xerado polo  Covid-19.

Estudáronse as tendencias da omnicanalidade, a atención dixital aberta durante as 24 horas, a transparencia de procesos, a personalización da oferta e o servizo a domicilio con facilidades para a devolución do produto e de pago.

O vindeiro xoves 21 de maio abordarase o tema de como vender tras o impacto do coronavirus:  técnicas de venda e mellora dos equipos comerciais. Os negocios participantes tamén poden solicitar asesoramento personalizado gratuíto, dispoñible para 25 empresas.

As inscripcións para estas sesións son gratuítas e poden realizarse a través da web de APE Galicia e no teléfono 697.195.540.