Petición formal para que o parque da UNED quede aberto á veciñanza

Pontevedra
28 de outubro 2019

A concellería de Medio Natural elevará á Xunta Reitora da Uned unha petición formal para abrir o parque do centro asociado en Monte Porreiro. Os concelleiros Iván Puentes e Yoya Blanco mantiveron un encontro coa directora do centro para presentarlle un plan de creación de sendas internas e dun novo acceso pola rúa Italia 

Visita de responsables municipais ao parque da Uned
Visita de responsables municipais ao parque da Uned / Concello de Pontevedra

Os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes visitaban este luns o parque do centro asociado da Uned en Monte Porreiro e mantiñan un encontro coa directora María Troncoso para expoñerlle a intención do Concello de Pontevedra de presentar ante a Xunta Reitora desta universidade unha petición formal para que este parque sexa asumido polos servizos municipais e, desta forma, abrilo para o uso da cidadanía.

Os concelleiros responsables da área de Universidade e de Medio Natural estiveron acompañados neste encontro polo xefe do servizo municipal de Parques e  Xardíns, Manuel Fontán.

Durante a entrevista, os concelleiros socialistas manifestaron a intención do goberno local de crear un novo acceso ao parque na rúa Italia, á altura do paso de peóns situado ante o supermercado Froiz e crear unha rede de sendeiros peonís internos.

Segundo entende o responsable de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes o ideal sería a cesión de uso xa que facilitaría a dotación dun novo portón de acceso e a instalación de novo mobiliario. Pero desde o Concello sinalan que están abertos a calquera outra fórmula xurídica que desde a Uned se considere oportuna.

A intención é que o parque se manteña aberto durante o día e peche ao longo da noite, ao estilo do que sucede en zonas verdes do Reino Unido.

Este xardín conta con acacias, sequoias e euxenias cun importante valor botánico. A idea é eliminar especies invasoras como acacias negras que molestan á veciñanza e repoboar o parque con árbores que manteñan o estilo decimonónico con especies de distintos continentes, indicou Iván Puentes.

A directora do centro entende que non haberá inconveniente, segundo afirman fontes municipais. Agora depende de que a xunta reitora, na que se atopan representados o Concello, a Deputación, a Xunta de Galicia e Ence, acepte a petición. Está prevista unha sesión ordinaria antes de que finalice 2019.

María  Troncoso tamén manifestou que vai realizarse unha reforma do edificio da Uned e a apertura do parque estaría condicionada á finalización deses traballos consistentes principalmente na remodelación da fachada.