Piden á Deputación que fomente o teletraballo para reducir o número de traballadores en cada servizo

Pontevedra
18 de xaneiro 2021

A Sección Sindical de Comisións Obreiras (CC.OO.) na Deputación de Pontevedra presentou este luns ao Goberno provincial unha proposta de teletraballo para que sexa abordada no seo da Mesa de Negociación

Unha muller traballando cun ordenador
Unha muller traballando cun ordenador / Parlamento Europeo

A Sección Sindical de Comisións Obreiras (CC.OO.) na Deputación de Pontevedra presentou este luns ao Goberno provincial unha proposta de teletraballo para que sexa abordada no seo da Mesa de Negociación.

O secretario da sección sindical de CCOO na administración provincial, José Ramón Piñeiro Piñeiro sinala que "nos atopamos no peor momento da pandemia e a situación dos traballadores é de risco permanente, a pesar dos medios adoptados pola Deputación, co que a mellor maneira de loitar contra o virus é diminuír, en todo o que sexa posible, o número de traballadores en cada servizo".

José Ramón Piñeiro pide á presidenta da Deputación, Carmela Silva que convoque con "urxencia" a Mesa de Negociación e "que sente a negociar todo o tempo que sexa necesario para alcanzar un acordo e así contribuír de maneira eficaz á prevención e control do virus Covid-19".

Finalmente esta sección sindical expresa o seu desexo de que "esta negociación ten que servir ademais para modernizar a administración e mellorar a eficacia na prestación dos servizos".

TRAMITACIÓNS ELECTRÓNICAS

Nos últimos meses a mellora e impulso das canles dixitais da institución provincial para a relación coa cidadanía, unido ás novas necesidades que coa pandemia se fixeron máis patentes, supuxeron un grande incremento de tramitacións electrónicas.

119.357 usuarios visitaron a sede electrónica da Deputación en 2020, o que representa un aumento do 63% (en 2019 foron 73.050). Se xa esta porcentaxe de incremento é alta, máis o son no caso das páxinas visitadas e das sesións abertas. De 888.447 páxinas vistas en 2019, pasouse a 1.829.250 en 2020: un incremento do 105,8%. En canto ás sesións abertas, o incremento é aínda máis notorio xa que se pasou das 160.311 sesións de 2019 ás 364.396 sesións de 2020: isto supón un 127% máis que no ano anterior.