Piden a destitución de José Ramón Gómez por ser o "peor xerente posible" da área sanitaria

Pontevedra
13 de agosto 2021

O Sindicato Médico CESM reclama ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que priorice os criterios técnicos sobre os políticos. Reprochan ao máximo responsable da sanidade pública gallega que apoiara o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, en lugar de defender o persoal do PAC de Baltar

Protesta de profesionais sanitarios no Hospital Provincial
Protesta de profesionais sanitarios no Hospital Provincial / CESM

A Delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) pide a Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, que destitúa ao xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, e a todo o seu equipo directivo ante "o elevado nivel de incompetencia demostrado e a nefasta xestión realizada, por mor dos diversos gromos de covid-19 que xurdiron en distintos servizos profesionais nos hospitais pontevedreses".

Sinalan que, só con esta decisión de relevar no cargo á xerencia, García Comesaña demostrará que antepon as súas responsabilidades técnico-sanitarias aos intereses políticos. Este sindicato considera que o conselleiro menospreza, ata o de agora, a traballadores e usuarios desta área sanitaria. Afirman que José Ramón Gómez é o "peor xerente posible no momento máis crítico que atravesa a sanidade pública na área de Pontevedra". 

O CESM denuncia que a Atención Primaria e as Urxencias desta zona atópanse nunha situación lamentable pola falta de persoal, cando a demanda multiplícase en localidades turísticas como é o caso do PAC de Baltar no municipio de Sanxenxo. Para este colectivo, nese centro a situación asistencial é "insostible".

Lamentan os "graves acontecementos" provocados cando o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, acusou os profesionais do PAC de Baltar de facer política e desatender as súas funcións. O sindicato reprocha ao conselleiro García Comesaña que se aliñase co rexedor da vila turística en lugar de "posicionarse ao lado do seu propio persoal". Segundo entenden, esa actitude mostra unha "total deslealdade e falta de respecto cara aos seus profesionais e cara a todos os usuarios da área sanitaria".