O Xulgado do Social número 3 de Pontevedra declarou nulo o despedimento realizado polo Concello de Ponte Caldelas de dúas traballadoras encargadas do Centro de Información e Asesoramento da Muller (CIM) do municipio. A sentenza obriga a pagar os salarios que deixaron de percibir estes dous empregados e ao pago dunha indemnización por danos morais que ascende a 5.000 euros a cada unha.
Ricardo Castro, portavoz do Partido Popular, tras esta sentenza reclama a dimisión de Andrés Díaz, o alcalde de Ponte Caldelas, como a persoa directamente responsable da decisión.
Ademais reclámalle que pida desculpas a todas as mulleres do municipio que estiveron privadas dos servizos da avogada e da psicóloga pola súa decisión que, recalcan, vai levar un gasto de 10.000 euros ás arcas municipais en indemnizacións máis catro meses de salarios.
Lamentan que Díaz intente culpar ao anterior goberno das consecuencias xurídicas deste despedimento que, segundo indican, corresponde unicamente ao tripartito actual.
Pola súa banda, o goberno de Andrés Díaz manifestou que estudará a fondo a sentenza para decidir se presenta un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Mesmo non descarta reclamar a responsabilidade patrimonial ao anterior alcalde, Perfecto Rodríguez, e aos anteriores membros da xunta do goberno local.