Piden a dimisión do alcalde de Sanxenxo por acusar os sanitarios de Baltar de desatender o seu traballo

Sanxenxo
29 de xullo 2021
Actualizado: 11:48

O sindicato CESM critica que Telmo Martín chegou a dicir en en pleno municipal que o PAC de Baltar funciona ben, "pero podería funcionar mellor se algúns dos profesionais que hai alí dedicásense máis ao seu labor como médicos e como enfermeiros que a facer política"

Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo
Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) pediu publicamente a dimisión do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, por unha serie de afirmacións realizadas no pleno municipal desta semana, nas que chegou a dicir que o Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar funciona ben, "pero podería funcionar mellor se algúns dos profesionais que hai alí dedicásense máis ao seu labor como médicos e como enfermeiros que a facer política".

A Delegación de  CESM en Galicia critica que o alcalde acusa os sanitarios do Punto de Atención Continuada (PAC) e do Centro de Saúde de Baltar de facer política, pero tamén de desatender o seu traballo profesional, pois asegurou "estou en contra dalgúns que están a facer as cousas moi mal porque lles dá a gana, e non merecen o traballo que teñen".

O sindicato médico quere manifestar o seu "máis enérxica repulsa" a unhas declaracións "incomprensibles, irresponsables e absolutamente  desconsideradas e inxustas", tanto cos profesionais como cos cidadáns de Sanxenxo e cos miles de turistas e visitantes que cada verán visítannos e merecen unha atención digna e resolutiva.

O alcalde fixo esas manifestacións cando a concelleira socialista Ainhoa  Fervenza trasladoulle a necesidade de reforzar o persoal sanitario en Atención Primaria e evitar o colapso que sufría o servizo, que coa chegada de miles de turistas agravaríase.

CESM Galicia responde o alcalde que os profesionais están absolutamente implicados no seu traballo e o único que demandan son os medios imprescindibles para poder realizar a súa función e atender con dignidade, eficiencia e calidade ás persoas que o precisan.

Ademais, subliña que "estes profesionais aos que o rexedor menospreza tentaron en reiteradas ocasións poñerse en contacto e reunirse con el", para facerlle chegar de primeira man a realidade da situación, tratar de atopar solucións e buscar a súa colaboración para conseguir das autoridades sanitarias os medios necesarios. Con todo, nunca foron recibidos.

DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA SANXENXO  

Tamén o Consello fundacional da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo criticou a actitude de Telmo Martín no pleno. "Deunos mágoa volver comprobar que en Sanxenxo temos un alcalde que en vez de recoñecer erros, corrIxilos e buscar solucións, nega e culpabiliza aos demais", sinalou a través dun comunicado. 

Así, critican que tamén culpabiliza á xente nova, chamándolles irresponsables por non acudir aos cribados e consideran que "debería profundar nas causas polas que algunhas persoas das citadas e autocitadas non realizaron as probas" para detectar a covid-19. Desde longas colas, ser época de traballo, ter citado a persoas que se encontran traballando fóra, ou o lugar escollido poden ser algúns dos motivos para non acudir a un cribado. 

En opinión desta plataforma, "a única persoa que sobrou no cribado de Nauta foi o alcalde, que nin pertencía ao dispositivo de cribado, nin ía a que lle fixeran a proba".

Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (integrada en SOS Sanidade) agradecen ás edís Vanessa Rodríguez Búa e Sandra Fernández Agraso a súa implicación e respecto no actual grupo da asociación no que políticos, persoal sanitario e demais usuarias do centro de saúde e o PAC de Baltar participan activamente como un único ente cara defender a Sanidade Pública e de Calidade, porque “goberne quen goberne a sanidade se defende”.