Representantes de Unións Agrarias realizaban este venres unha petición pública á Xunta de Galicia para que se procuren fórmulas que regulen a presenza de xabariles nos montes galegos.
Javier Iglesias, responsable de gandería de Unións Agrarias e Avelino López, encargado de Desenvolvemento Rural no Deza dentro do mesmo sindicato, alertaban de que actualmente a poboación de xabariles en Galicia ascende a preto de 200.000 exemplares, unha cifra imposible de controlar, segundo explicaban, polos cazadores e tecores nas batidas que se están a desenvolver actualmente. Tamén explican que se reduciron o número de cazadores. Na actualidade, a Sociedad de Caza en Galicia conta con menos de 42.000 licenzas e que a caza do porco bravo é moi complicada.
Ante esta situación, presentaron unha iniciativa lexislativa popular no Parlamento de Galicia reclamando que a Xunta aborde o problema do exceso destes animais salvaxes. Como solución propoñen a contratación de batidores profesionais que se dediquen ao control, como xa se ten probado en Francia ou Bélxica, onde se realizou esta iniciativa con éxito.
A presenza do xabaril, segundo datos ofrecidos pola Dirección Xeral de Tráfico a Unións Agrarias, provoca cinco accidentes diarios nas estradas galegas. Ademais dos danos que causan nos cultivos, estes animais son os principais transmisores da peste porcina africana. Javier iglesias alertaba de que se chega a rexistrarse un só caso desta peste en Galicia sería unha "catástrofe" económica brutal para todo o sector gandeiro galego e en concreto para o de Deza-Tabeirós. O peche de fronteiras provocaría perdas enormes nunha actividade que, en Galicia, factura 740 millones de euros ao ano.
En Unións Agrarias sitúan en máis de 15 millóns de euros os danos que veñen sufrindo os cultivos galegos desde 2015 sen que a Xunta adoptase medidas para paliar a situación. E os 600.000 euros que a administración galega destina para o control de cara ao vindeiro ano resúltalles escasa aos responsables de Unións Agrarias.
Indican que as batidas aprobadas pola Consellería de Medio Rural como emerxencia cinexética para 30 concellos é insuficiente porque non afecta a toda Galicia e resultará difícil que as sociedades de caza, formadas por afeccionados, poidan facer fronte a este exceso de poboación.
Tamén amosan a súa oposición á utilización doutros métodos como as trampas, que resultan máis perigosos, ou a esterilización de xabariles, medida que fracasou xa en Cataluña, indicou Javier Iglesias.