Piden ampliar a 20 as prazas o 'Xantar na casa' ante a elevada demanda

Poio
08 de maio 2026

O Concello de Poio considera este servizo "fundamental" para garantir unha alimentación axeitada e mellorar a calidade de vida das persoas maiores ou con problemas de mobilidade

"Xantar na casa"
"Xantar na casa" / Xunta de Galicia

O Concello de Poio solicitou ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ampliar o programa Xantar na casa até 20 persoas usuarias.

A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, sinalou que as sete prazas dispoñibles xa se cubriron, á vez que defendeu a necesidade de asinar un convenio que permita aumentar o número de beneficiarios.

Para o goberno local, o servizo é "fundamental" para garantir unha alimentación axeitada e mellorar a calidade de vida das persoas maiores ou con problemas de mobilidade ou dependencia.

No caso de Poio, conta cunha poboación cada vez máis envellecida e con maiores en situacións de soidade, convertendo en algo "necesario" o reforzo deste tipo de recursos sociais.

O servizo ofrece unha dieta equilibrada e adaptada ás necesidades de cada usuario, á vez que facilita que poidan permanecer no seu fogar con maior autonomía.

Desenvólvese a través dun convenio coa Xunta de Galicia e inclúe a entrega periódica de menús variados e supervisados nutricionalmente directamente no domicilio.

Durante o ano 2025, 'Xantar na casa' permitiu repartir ao redor de 1.500 menús no municipio.