A organización dunha becerrada o próximo 5 de xullo na Praza de Touros de Pontevedra, provocou as críticas dos colectivos antiraurinos.
Trátase dun evento promovido pola Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra ao que só se poderá acceder con invitación previa.
Respecto diso desde a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas piden que non se permita a entrada a este evento a menores de idade.
Fano porque a normativa autonómica prohibe unicamente a presenza de menores de 12 anos. O resto, con idades superiores, poderían acceder de maneira gratuíta a pesar de tratarse para a plataforma dun evento "especialmente cruel".
"Estamos a falar de persoas nun fervente desenvolvemento físico, moral e social, mentres se lles ofrece un acceso gratis a ver como se maltrata a un bóvido, aderezado de comentarios positivos de familiares e outros adultos", explica Rubén Pérez, coordinador de Galicia, Mellor Sen Touradas
Os abolicionistas sinalan cara á Xunta de Galicia, por ser o executivo autonómico, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, o que debe autorizar os eventos taurinos. Con todo ao carecer Galicia dun regulamento propio aplícanse senllas normas de carácter estatal de 1991 e 1996.
Galicia Mellor Sen Touradas avanza tamén o envío dunha carta ao Concello de Pontevedra advertíndolle da situación "por si desde o Goberno local existe a posibilidade de incluír un operativo de Policía Local que verifique o cumprimento do marco normativo se a Xunta ignora a advertencia".
Esta colectivo alerta por último do risco que supón para os nenos a exposición de escenas de agresións violentas cara a humanos e animais, ao entender que pode contribuír á normalización da violencia.