Piden medidas inmediatas ante a "masificación" do servizo de Urxencias de Montecelo

Pontevedra
05 de xaneiro 2018

Os sindicatos Prosagap e CC.OO. volveron poñer o foco este venres sobre a situación de "masificación" e mesmo de "colapso" que se vive no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo coincidindo co pico máis alto da gripe 

Acceso á área de urxencias do Hospital Provincial
Acceso á área de urxencias do Hospital Provincial

Os sindicatos Prosagap e CC.OO. volveron a poñer o foco este venres sobre a situación de "masificación" e mesmo de "colapso" que se vive no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo coincidindo co pico máis alto da gripe e solicitan "solucións inmediatas" para acabar cos problemas que se suceden. 

A executiva comarcal da federación de sanidade de CC.OO de Pontevedra esixe solucións tras comprobar que desde hai un mes o servizo de urxencias está a sufrir de forma reiterada "situación de masificación e mesmo de colapsos", con atrasos de horas para a primeira atención dos pacientes e esperas nos corredores de enfermos con orde de ingreso, pero sen cama. Todo está a xerar, segundo o sindicato, moita "crispación".

Este sindicato considera que todo a consecuencia da "falta de planificación" por parte da xerencia da área sanitaria e que o servizo necesita máis persoal. 

O sindicato Prosagap pon un exemplo desta situación que se vive en Urxencias e de que se fixeron reforzos, pero resultan insuficientes. Indica que este xoves 4 de xaneiro, ás 18.00 horas, reforzouse o servizo cun enfermeiro, un auxiliar de enfermería e un celador e, ademais; abriuse a unidade de cirurxía maior ambulatoria con enfermeiro e auxiliar de enfermería e o celador compartíase coa Unidade de Reanimación. Ademais, habilitouse a sala de Espertar de Endoscopias con enfermeiro e auxiliar de enfermería, onde esperaban os pacientes en camiñas.

Ese mesmo día, no Servizo de Radioloxía quedaron pendentes volantes de petición de probas da mañá para a tarde e era necesario un celador máis para axilizar ese servizo. Ademais, había queixas neste servizo de que se está contratando técnicos de Radioloxía por 2, 3 ou 4 horas, unha situación que Prosagap considera "inadmisible" e polas que presentou queixa.

"O traballo íase realizando grazas aos bos profesionais destes servizos", indican desde Prosagap, que consideran que esta situación de ter que habilitar camas e padiolas para dar cabida aos pacientes "demostra unha vez máis insuficiencia para dar o servizo requirido".