Piden o indulto de dúas traballadoras condenadas a 3 anos de prisión por formar parte dun piquete

Pontevedra
30 de abril 2014

O sindicato CC.OO. iniciará unha campaña ante a sentenza da Audiencia de Pontevedra que entenden é "desproporcionada" ao condenar a prisión a dúas traballadoras das piscinas de Campolongo tras consideralas autoras dun acto violento, que finalizou coa tinguidura das augas da piscina de Ponte Muíños durante a folga de 2010

Solidariedade coas traballadoras das piscinas de Campolongo condenadas a 3 anos de prisión /
Piscina do CGTD
Piscina do CGTD

O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) comezará unha campaña para solicitar o indulto de dúas traballadoras das piscinas de Campolongo condenadas a tres anos de prisión ao entender a Audiencia de Pontevedra que son autoras, como integrantes dun piquete, dun delito de "coacción a outras persoas a iniciar ou continuar unha folga", regulado no artigo 315.3 do Código Penal.

Os feitos remóntanse a febreiro de 2010 cando en plena folga pola negociación do convenio colectivo das instalacións deportivas un piquete de sesenta traballadores e sindicalistas concentrouse ante a piscina olímpica de Ponte Muíños. Durante a intervención do piquete tinguiuse a piscina de verde e o traxe do xerente viuse salpicado polo líquido colorante. A primeira sentenza do Tribunal de Primeira instancia considerou que as dúas traballadoras da piscina de Campolongo participantes no piquete eran autoras deste acto e as condenaba a seis meses de prisión e a unha multa polos danos causados. Fiscalía recorreu este fallo ante a Audiencia solicitando a pena máxima e o Tribunal aceptou o recurso e condena a 3 anos de prisión ás dúas traballadoras nun fallo que non ofrece posibilidade de recurso.

Dende Comisións Obreiras consideran esta sentenza "desproporcionada" porque esta pena só se xustificaría se se tivese producido violencia física, algo que segundo os representantes sindicais non aparece recollido na decisión xudicial. Por este motivo, teñen previsto iniciar unha campaña para solicitar o indulto para estas traballadoras, veciñas de Marín e de Vigo, cunha recollida de sinaturas e entrevistas coas distintas autoridades políticas para que medien e eviten que as dúas mulleres entren no cárcere.

José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO.; Ramiro Otero, secretario comarcal do Servizo Cidadanía do mesmo sindicato e o delegado sindical Manuel González consideran que se trata dun "ataque ao dereito de folga por parte do PP e das Fiscalías" para intentar evitar a actuación dos piquetes nas xornadas de folga.

As dúas traballadoras, Ana e Tamara, non están afiliados a ningún sindicato e seguen, na actualidade, traballando nas piscinas de Campolongo con sete e vinte anos de antigüidade e, segundo indicou García Pedrosa, "están impactadas e moralmente destruídas. Non esperaban isto nin por asomo".