Piden que o Concello reclame á Cámara de Comercio o diñeiro "irregularmente cobrado" por Ferpalia e Pomóvil

Pontevedra
24 de setembro 2015

O grupo municipal de Marea presentou unha moción ao próximo pleno de outubro do Concello de Pontevedra

Pleno da Cámara de Comercio de Pontevedra
Pleno da Cámara de Comercio de Pontevedra

O grupo municipal de Marea presentou unha moción ao próximo pleno de outubro do Concello de Pontevedra na que busca o acordo da corporación municipal para instar o goberno local a que reclame á Cámara de Comercio a devolución das subvencións outorgadas para as feiras Ferpalia e Pomóvil, e, no seu caso, presentarse nos procedementos xudiciais que se seguen contra a institución cameral.

O portavoz de Marea, Luís Rei, explicou en rolda de prensa que desde hai tres anos levan abertos no xulgado varios procedementos sobre a xestión económica da Cámara de Comercio de Pontevedra. En paralelo, Luís Rei lembrou que os medios de comunicación fóronse facendo eco de "actuacións nas que o goberno do Concello actuou de maneira neglixente no seguimento das subvencións outorgadas á Cámara".

Á luz de todo isto, Marea Pontevedra solicita ao Pleno do Concello que inste o goberno local a que reclame da Cámara de Comercio, "en defensa dos dereitos de todos os pontevedreses", a devolución das cantidades entregadas polo concello "e irregularmente cobradas" pola Cámara para a realización das feiras de Ferpalia e Pomóvil.

Luís Rei indicou que corresponderá aos servizos técnicos municipais determinar a canto ascende a cantidade que se pode reclamar.

No caso de que a Cámara non proceda á devolución dese diñeiro, Marea Pontevedra propoñerá que o Concello se presente nos procedementos xudiciais que se seguen contra a entidade cameral, entre outros motivos pola fraude nas subvencións recibidas polo concello, "para esixir as responsabilidades que correspondan a quen defraudou o patrimonio de todos".