Piden que os centros escolares pontevedreses implanten programas de educación afectivo sexual

Pontevedra
08 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O grupo municipal socialista ven de presentar unha moción na que insta ao goberno local a que implante programas específicos de formación en materia afectivo sexual nos centros públicos de Primaria e Secundaria

Aula de Primaria
Aula de Primaria / Mónica Patxot

O grupo municipal socialista ven de presentar unha moción na que insta ao goberno local a que implante programas específicos de formación en materia afectivo sexual nos centros públicos de Primaria e Secundaria "orientado á sensibilización, información e prevención, coa finalidade de que adquiran as competencias necesarias para aprender a vivir en igualdade".

Ao tempo, o PSOE tamén solicita a elaboración dun protocolo autonómico que sirva de guía á comunidade educativa ante posibles casos de abuso sexual a menores e sobre modelos saudables de educación. 

"Non podemos deixar en mans da pornografía a educación sexual dos nosos fillos", dixo este luns en rolda de prensa a edil do PSOE, Paloma Castro.

Un recente estudo da Sociedade Galega de Sexoloxía reflicte que o 78% dos mozos pontevedreses considera deficiente a información que recibe nos colexios en materia sexual. 

Ante esta preocupante situación, o grupo municipal do PSOE cre que as administracións competentes, a Xunta e o Concello, deben tomar cartas no asunto e implicarse de xeito decidido.

Segundo o Estudo sobre Educación e Hábitos Sexuais en Adolescentes Galegos, o 8,1% das adolescentes tivo algunha relación sexual sen consentimento. 

O 75 % dos enquisados infórmanse a través de amizades e Internet, sendo a pornografía a principal fonte; o 24% di que a información sobre sexo no instituto é nula e máis do 50 % que é moi escasa, e só o 35,9% utiliza métodos anticonceptivos.