Pensionistas e xubilados convocados polo sindicato CIG concentrábanse este mércores 31 na praza da Peregrina para defender o sistema público das pensións e reclamar que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional.
Fernando Aragunde, secretario comarcal dos pensionistas da CIG, amosaba a súa indignación tras unha das pancartas reivindicativas lamentando que os deputados suban os seus soldos mentres que as pensións mínimas en Galicia son escasas. Sinala que no sindicato coñecen casos de pensionistas que, despois da crise, están a manter fillos e netos.
"É unha vergoña o que está pasando", afirma Aragunde, que también dedica palabras a Celia Villalobos, presidenta da comisión do Pacto de Toledo e deputada do Partido Popular invitando aos mozos a investir en plans de pensións privados. "Esa señora non sabe o que di", aseguran sinalando que as contas que fai a parlamentaria popular non lle saen a unha persoa traballadora.
"Eu tamén quería xubilarme aos 80 co soldo dela", indica o secretario comarcal de pensionistas da formación nacionalista, que considera unha trampa os plan de pensións privados porque non funcionan como unha conta corrente bancaria normal e considera que as pensións públicas hai que defendelas como un dereito derivado dos cartos aportados durante toda a vida laboral
Desde a CIG afirman que as reformas realizadas durante os últimos anos non revisaron o importe nominal das pensións ou executáronse por debaixo da inflación chegando ao punto en que no ano 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC como referente.
Aragunde amósase moi crítico co Goberno de Rajoy porque subiu ampliamente o orzamento do ministerio de Defensa mentres mantén a suba das pensións nun 0,25%: "A quen lle vamos nós a tirar unha bala? Que é primeiro? Comer ou tirar balas?" pregúntase o representante sindicalista, que considera que o pobo é quen pode cambiar estas partidas orzamentarias para garantir as pensións do futuro.