Piden tres anos de prisión para a secretaria da Cámara por aceptación de suborno

Pontevedra
19 de maio 2015

O fiscal formulou escrito de acusación contra Rosario Lorenzo na causa aberta por presuntos cobramentos irregulares. Pide que sexa condenada a tres anos de prisión e cinco anos de inhabilitación para emprego ou cargo público como presunta autora dun delito de aceptación de suborno e a dous anos de suspensión de emprego ou cargo público polas negociacións prohibidas a funcionarios

Rosario Lorenzo, secretaria da Cámara de Comercio de Pontevedra
Rosario Lorenzo, secretaria da Cámara de Comercio de Pontevedra / Mónica Patxot

O fiscal de Delitos Económicos de Pontevedra, Augusto Santaló, rematou xa o escrito de acusación contra a secretaria da Cámara de Comercio de Pontevedra, Rosario Lorenzo, na causa aberta por presuntos cobramentos irregulares, unha das tres abertas sobre a actividade do ente cameral. Pide que sexa condenada a tres anos de prisión e cinco anos de inhabilitación para emprego ou cargo público como presunta autora dun delito de aceptación de suborno e a dous anos de suspensión de emprego ou cargo público polas negociacións prohibidas a funcionarios.

Segundo informan Faro de Vigo e La Voz de Galicia, o fiscal pide tamén que Lorenzo pague unha multa de 16.200 euros pola aceptación de suborno -cohecho en castelán- e outra 9.000 polas negociacións prohibidas a funcionarios polas relacións laborais que mantiña co empresario Juan José María Lago, representante da Cámara de Comercio de Pontevedra en Brasil e tamén investigado pola Fiscalía polos mesmos feitos de presuntos cobramentos irregulares.

O escrito de acusación entregado por Santaló sitúa estes delitos no marco da actividade da oficina de representación da Cámara de Comercio en Brasil, da que era responsable Juan José María Lago, e coa que durante dez anos, a partir do ano 2002, a sede pontevedresa asinou contratos anuais para que realziase servizos de asesoramento, apoio e asistencia ás actividades de exportación e internacionalización. Por esta actividade, pagábanlle 3.800 dolares ao mes con fondos públicos procedentes dun programa de internacionalización subvencionado pola Xunta de Galicia.

Para cobrar esa cantidade da Cámara de Comercio, o empresario tiña unha conta bancaria domiciliada en Pontevedra da que Charo Lorenzo, segundo a querela presentada polo fiscal en 2012, era apoderada e mesmo hai constancia de que retirou periodicamente distintas cantidades, ata roldar os 16.000 euros en tres anos. Á vista deses movementos bancarios, Augusto Santaló formula que se dan irregularidades e que se pode tratar dunha contraprestación que pagaba Lago á secretaria cmeral a cambio de resultar adxudicatario dos contratos de asesoramento da entidade en Brasil. Acúsao por suborno porque non explicou o destino das cantidades que retirou.

A causa contra Charo Lorenzo é o resultado de uan investigación aberta pola Fiscalía tras recibir unha denuncia de varios empregados da Cámara de Comercio de Pontevedra no ano 2011 denunciando cobramentos indebidos. Tras investigar os feitos, presentou unha querela da que agora se abriu unha peza separada para seguir investigando as accións de Juan José María Lago.