Piden unha parada de bus con marquesiña na contorna do Mercado de Seixo

Marín
19 de xuño 2022

O grupo municipal do Partido Socialista en Marín propuxo ao Goberno local a compra do solar do bar Miramar para crear unha parada de autobuses con marquesiña, "ao noso entender, moi necesaria" nesta contorna do Mercado de Seixo

Solar do antigo bar Miramar
Solar do antigo bar Miramar / PSOE de Marín

O grupo municipal do Partido Socialista en Marín propuxo ao Goberno local a compra do solar do bar  Miramar para crear unha parada de autobuses con marquesiña, "ao noso entender, moi necesaria" nesta contorna do Mercado de Seixo.

Segundo Manuel Pazos, portavoz municipal do PSOE, "gastar 700.000 euros na obra da contorna do mercado de Seixo e deixar unhas ruínas á beira non ten sentido".

Os socialistas de Marín insisten en que "xa denunciamos no seu momento que se trataba dunha obra mal exposta desde o principio" xa que piden que se aborde "de maneira integral" que se actúe en todo o espazo comprendido entre o mercado de abastos e a estrada PO-551.

Os socialistas levarán ao próximo pleno unha proposta para elaborar un proxecto construtivo nese espazo e iniciar as conversacións coa propiedade e coa propia Xunta que conduza á creación dunha ampla parada de autobús con marquesiña.