Avanza a bo ritmo a obra de remodelación do entorno do Mercado de Seixo

Marín
20 de setembro 2022

As obras para a creación dunha gran praza e a mellora da mobilidade na zona están a transformar a fisionomía urbana da parroquia

Obra na contorna do Mercado de Seixo
Obra na contorna do Mercado de Seixo / Concello de Marín

O Concello de Marín sinalou que as obras de humanización da contorna do Mercado de Seixo "están a avanzar a moi bo ritmo, conquerindo que se comece apreciar a transformación urbana do centro da parroquia". 

Este proxecto "ambicioso e esencial para Seixo", tal e como se apunta desde o goberno local, reformula a rúa para que teña plataforma única, con uso prioritario de peóns e cunha plaza anexa a nivel que permita usos múltiples de ocio e desfrute do entorno urbano.

En total, aumentarase o espazo peonil en máis de 800 metros cadrados. Tamén se renovarán a xardinaría, a sinalización e o mobiliario urbano.

O orzamento global do proxecto ascende a case 730.150 euros, dos cales 548.058 serán aportados pola Deputación de Pontevedra, a través do Programa ReacPon. O prazo de execución da obra será de 6 meses.

Esta é a segunda gran obra de humanización que se está a levar a cabo en Seixo nos últimos tempos, despois da remodelación da Rúa Camiño Vello, na que se renovaron todos os servizos, ancheáronse as beirarrúas, púxose novo mobiliario e arborado e pavimentouse de novo.