Un turismo Pierce-Arrow de 1928 que ata agora nunca participou en ningunha exhibición pública e un Ford A de 1930 serán este ano as estrelas da concentración vehículos clásicos e antigos Cidade de Pontevedra.
A cita, que a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, destaca que é "emblemática" xa en Pontevedra, será este domingo 14 de setembro.
A partir das 11.00 horas da mañá, e ata as 20.00 horas da tarde, estarán concentrados na Praza de España entre 40 e 50 vehículos clásicos.
Organizado polo Concello e polo Club AVA, o evento reunirá vehículos anteriores a 1990. Os máis numerosos serán os da década de 1970, pero tamén haberá representantes dos 30, dos 50 e dos 60.
Os máis antigos serán eses de 1928 e 1930. O primeiro é propiedade dun pontevedrés que non adoita levalo a exposicións e o outro chegará desde Meira, en Moaña.
Anabel Gulías presentou a sétima edición do evento acompañada por Enrique Vázquez e Manuel González, secretario e tesoureiro do Club Ava de Pontevedra.
A cita é cada setembro "punto de obrigada visita" de todas as pontevedresas e pontevedreses amantes do motor e dos clásicos e tamén para persoas chegadas desde outras partes da provincia ou de Galicia, que poden coñecer de primeira man "un anaquiño da historia do automobilismo".
O programa inclúe tamén unha visita ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán e un xantar de confraternización en Casa Digna.