O Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) organiza este mes de maio a quinta edición do ciclo "Pontevedra, quen pasa? 6 expertos en saúde, 6 meses".
Coincidindo co Día da Enfermidade Inflamatoria Intestinal, a área sanitaria activa unha campaña informativa nos comercios locais para anunciar as xornadas que contarán coa presenza da doutora Pilar Nos, xefa do Servizo de Dixestivo do Hospital La Fe de Valencia e especialista en Crohn e colite ulcerosa.
Os encontros, coordinados polo especialista do CHUP Daniel Carpio a través do Grupo de Investigación IDARA, divídense en dous bloques orientados tanto á poboación xeral coma ao sector sanitario.
A iniciativa conta coa colaboración da Asociación Sociosanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomías (ASSEII) e o apoio de AbbVie, Roche e Novo Nordisk.
O luns 25 de maio, ás 18:30 horas, o salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal acollerá unha sesión aberta a toda a cidadanía sen necesidade de inscrición previa. A presidenta de ASSEII, Ángela Paz, encargarase da apertura institucional do acto.

Baixo o título "EII: é o que herdamos ou o que comemos? O que sabemos (e o que non sabemos) sobre as causas da enfermidade de Crohn e da colite ulcerosa", a doutora Pilar Nos explicará as orixes destas doenzas e responderá ás preguntas dos asistentes.
O público pode enviar dúbidas de forma anónima a través dun formulario dixital habilitado pola organización antes da conferencia.
A actividade do martes 26 de maio diríxese aos profesionais sanitarios e sociosanitarios no Hospital Montecelo.
A xornada inclúe encontros individualizados de traballo previos e, ás 13:30 horas, Pilar Nos impartirá a conferencia "Máis alá do brote: abordaxe holística da enfermidade inflamatoria intestinal na práctica clínica", orientada ao tratamento interdisciplinar.
Os profesionais interesados en participar deben tramitar a súa inscrición por correo electrónico ante o grupo IDARA.
O ciclo formativo finalizará os días 25 e 26 de xuño cun programa centrado na aplicación tecnolóxica na medicina.
O especialista en cirurxía Julio Mayol e o profesor de informática Senén Barro intervirán en Pontevedra para analizar de forma conxunta o impacto da intelixencia artificial no ámbito da saúde.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.