A pista multideporte en Vilariño permitirá practicar balonmán, fútbol sala, baloncesto, tenis ou voleibol

Poio
30 de xullo 2025
Actualizado: 14:09

Esta nova área de lecer instalarase na parcela que o Concello de Poio adquiriu a finais do ano pasado na rúa Vilariño de Abaixo. Custará uns 135.000 euros

Modelo de pista multideporte
Modelo de pista multideporte / Xunta de Galicia

A Xunta de Goberno local do Concello de Poio vén de aprobar o expediente para contratar a construción dunha pista multideporte en Vilariño.

É un proxecto que conta cun investimento de licitación de 134.749 euros e que se financiará integramente con cargo ao Plan provincial de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra.

Tras a aprobación este martes do documento, a oferta publicarase o mércores no portal de contratacións e, a partir dese momento, as empresas dispoñen dun prazo de 20 días naturais para presentar as súas ofertas.

O prazo de execución das obras será de tres meses.

A pista multideporte, que terá unhas dimensións de 20x10 metros cadrados, contará con peche perimetral, porterías de balonmán e fútbol sala, canastras de baloncesto, rede para pista de tenis, voleibol ou bádminton, ademais de céspede fibrilado ideal para uso da cativada.

Tamén contará con iluminación con tecnoloxía LED e cumprimento de todas as normativas de seguridade para ofrecer aos usuarios un espazo seguro, de calidade e versátil para a práctica de diferentes modalidades deportivas.

Esta nova área de lecer instalarase na parcela que o Concello de Poio adquiriu a finais do ano pasado na rúa Vilariño de Abaixo, unha localización céntrica ao carón dun pequeno parque infantil, unha fonte, un lavadoiro e un cruceiro.

Tras a adquisición do terreo e a redacción do proxecto, o Concello de Poio tramitou as autorizacións necesarias ante Augas de Galicia e Patrimonio para poder iniciar o proceso de adxudicación e facer realidade o proxecto no último trimestre do ano. 

O alcalde, Ángel Moldes, destaca que a veciñanza de Vilariño "leva tempo reclamando espazos de lecer, e moi pronto poderán gozar dunha nova infraestrutura pensada para todas as idades".

Subliñou tamén que este proxecto "é unha mostra máis do compromiso do goberno local por mellorar os espazos públicos e cumprir os compromisos adquiridos".