Vilaboa quere que a canteira de Paredes pase a ser unha referencia entre as instalacións deportivas. E é que presumen de que a pista de pump track que se está habilitando na zona vai a ser a que teña as maiores dimensións de todas as que hai na provincia.
O alcalde, César Poza, revisou estes días os avances dos traballos que están na fase do repranteo das pistas con rampas, desniveis e curvas con terra compactada.
Segundo explicou, toda esta actuación será revisada por deportistas destacados nesta disciplina para confirmar que reúne as condicións idóneas para a práctica deste deporte.
"Remodelamos a idea inicial para facer unha pista coas dimensións necesarias para o adestramento de disciplinas como o ciclismo BMX racing ou o BMX freestyle, ambos olímpicos", detallou o alcalde.
Así, cando a pista de pumptrack está no meridiano da súa execución, o alcalde alimenta a ilusión de que algún día estas instalacións de Vilaboa acollan competicións de nivel internacional.

Construcciones E.C. Casas é a empresa que está executando estes traballos, que contan cun orzamento de máis de 163.000 euros. Deberán estar rematados antes de final de ano.
A pista de pumptrack supón o inicio da transformación da antiga canteira de Paredes nun parque de aventuras cunha orientación multideportiva e de actividades ambientais e de contacto co medio ambiente, proxectos nos que o goberno local xa está a traballar.
O alcalde recordou que esta actuación é posible grazas ao convenio asinado coa comunidade de montes de Vilaboa que favoreceu a cesión indefinida do Monte da Raposeira, dúas parcelas que en conxunto suman 49.847 metros cadrados.
O acordo recolle tamén o peche perimetral das parcelas e a conservación do entorno, polo que o Concello executará unha actuación que favoreza a drenaxe da antigua canteira e que evite o empozamento da auga.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.