Primeiro paso para convertir a antiga canteira de Paredes nun parque de aventuras

Vilaboa
11 de marzo 2025
Actualizado: 18:02

Esta prevista a construción dunha pista de 'pump track' que contará con dúas áreas, unha para probas de competición e outra para a práctica da poboación máis nova

Parque infantil na antiga Canteira de Paredes
Parque infantil na antiga Canteira de Paredes / Concello de Vilaboa

A construción dunha pista de 'pump track' será o primeiro paso que dea o Concello de Vilaboa para a transformación da antiga canteira de Paredes nun parque de aventuras.

O goberno local quere darlle a este espazo unha orientación multideportiva e de actividades de contacto co medio ambiente.

"Este entorno de Paredes é espectacular para a práctica deportiva e esa é a orientación que lle daremos", dixo o alcalde, César Poza.

A primeira actuación que o goberno local executará neste entorno será unha pista para a práctica de 'pump track'.

Isto é, un circuíto que se poderá percorrer completamente cun monopatín ou cunha bicicleta impulsándose soamente mediante a inercia adquirida nos saltos e peraltes da pista e a propia habilidade do skater ou ciclista.

Está previsto que as obras comecen nos vindeiros tres meses.

Realizaranse no espazo que actualmente ocupa o parque infantil e consistirán nunha pista con dúas áreas diferenciadas, unha de competición e outra para a práctica deportiva por parte de persoas afeccionadas a esta disciplina.

O goberno local afirma que serán unhas instalacións homologadas polo que aspira a que a pista de Vilaboa sexa un punto de referencia para as competicións federativas.

César Poza avanzou que "dentro do proxecto global que temos para Vilaboa iremos dando forma a parques públicos descentralizados nas diferentes parroquias e cada un terá unha temática diferente".

O alcalde recorda que esta actuación será posible grazas ao convenio asinado coa comunidade de montes de Vilaboa que favoreceu a cesión indefinida do Monte da Raposeira, dúas parcelas que en conxunto suman 49.847 metros cadrados.

O acordo recolle tamén o peche perimetral das parcelas e a conservación do entorno, polo que o Concello executará tamén unha actuación que favoreza a drenaxe da antigua canteira e que evite o empozamento da auga.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora