Pizzas para agradecer aos traballadores de Montecelo e o Hospital a súa "dedicación e compromiso"

Pontevedra
21 de marzo 2020

Un repartidor de Telepizza entregou na noite do mércores dez pizzas no servizo de Urxencias do Hospital Provincial e outras tantas no Hospital Montecelo como agradecemento de todos os traballadores da empresa ao traballo do persoal sanitario: "sodes o mellor exemplo para a sociedade"

Nota de agradecemento de Telepizza ao persoal sanitario Sergas

Un repartidor de  Telepizza chegou na noite do mércores cargado con dez pizzas con destino ao servizo de Urxencias do Hospital Provincial e outras tantas para o Hospital Montecelo. Non as pediran os traballadores que estaban de garda, senón que se tratou dunha doazón da empresa, que quixo agradecer con este xesto a "incrible dedicación e compromiso" do persoal para facer fronte aos "momentos tan críticos" do avance do coronavirus.  

As pizzas chegaron acompañadas por unha nota de agradecemento na que a empresa lles ofrece este agasallo para que poidan "facer unha pequena pausa na vosa tarefa". A cambio, só piden que as gocen e lles sirvan para facer máis levadía a garda: "Que os nosos produtos sirvan para que recuperes forzas cun bo sabor de boca é a mellor recompensa que podemos ter".

A nota mostra a admiración de todas as persoas que traballan en Telepizza: "sodes o mellor exemplo para a sociedade en xeral e para nós en particular, xa que estes días tamén estamos a manter a nosa actividade".

A comida saíu desde o establecemento da empresa na rúa José Malvar, pero o persoal do local rexeitou realizar valoracións respecto diso, tan só confirmaron que realizaron a entrega por orde directa da dirección da empresa en Madrid.