Plan especial de tráfico e seguridade para a Festa do Mar

Poio
21 de agosto 2017

A Policía Local de Poio elaborou un dispositivo especial que se manterá activo entre os días 23 e 27 de agosto coincidindo coa celebración da Festa do Mar e o festival Armadiña Rock

Axente da Policía Local de Poio
Axente da Policía Local de Poio / Mónica Patxot

A Policía Local de Poio deseñou un operativo especial que despregará entre os días 23 e 27 de agosto, coincidindo coa celebración das Festas do Mar en Combarro e co festival Armadiña Rock, no que se espera unha grande afluencia de público.

O obxectivo do mesmo pasa por minimizar no posible os problemas de tráfico nas estradas do municipio e garantir a seguridade na zona.

En quendas de mañá e tarde os axentes da Policía Local habilitarán un dispositivo de tráfico para garantir os accesos a Combarro a todas as persoas que se queiran achegar á mostra gastronómica ou as exposicións.

A recomendación principal pasa por estacionar na zona de aparcadoiro da Seca-Reiboa ou na zona do CEIP Chancelas. Tamén se manterá aberto a zona portuaria da Canteira ata cubrir o límite de prazas. Alí poderán descargar pasaxeiros os autobuses que pretendan acceder a Combarro pero terán que abandonar a zona.

Pola súa banda en horario nocturno centrarase o esforzo en garantir a seguridade e a convivencia cidadá durante as actividades programadas, especialmente nos concerto do Armadiña. Para iso o operativo incrementarase en catro patrullas que estará dispoñibles na zona.

Ademais na Praza da Chousa, onde terán lugar os concertos, contarase cunha ambulancia da Cruz Vermella e presenza da Garda Civil de Pontevedra.