Planifican a desinfección dos colexios públicos desde o Concello pero alertan que a responsabilidade correspóndelle á Xunta

Pontevedra
07 de setembro 2020

A concelleira Carme da Silva indicou que a Xunta de Galicia recibiu cartos do Estado para estes labores, que non son de competencia municipal. Explicou que o goberno local está a desenvolver estes traballos por responsabilidade ao tratarse de ensino público e evitar así que os menores queden sen ir ás clases por falta de desinfección do centro

Carme da Silva, concelleira do goberno local de Pontevedra
Carme da Silva, concelleira do goberno local de Pontevedra / Mónica Patxot

Vinte colexios públicos de Pontevedra analizáronse por técnicos municipais para levar a cabo un plan de traballos de desinfección durante o inicio do curso escolar. Este luns, a concelleira que exerce de portavoz do goberno local de Pontevedra Carme da Silva afirmaba que se están ultimando estes labores para que o 10 de setembro os estudantes poidan volver ás aulas con todas as garantías.

"A Xunta recibiu fondos extraordinarios para facer fronte ao sobrecoste de desinfección para abordar estes traballos", apuntaba a concelleira indicando que, polo momento, desde a administración autonómica non se aclarou quen financiará estas actuacións. "Non é competencia municipal", indicaba Da Silva e aclaraba que se trata de que estes labores supoñen un sobrecusto, coa adaptación aos protocolos. 

Indicou que o último protocolo da Xunta, emitido a finais de agosto, supuxo unha modificación do anterior e que se está traballando intensamente para adaptarse, pero afirmou que terán que ser financiados estes traballos polo goberno autonómico.

A concelleira aclarou que o concelleiro de Limpeza, Raimundo González Carballo, está a manter esta actividade por responsabilidade co ensino público: "Non se van poder quedar sen ir ao cole porque non se desinfecte o centro", afirmou Carme da Silva en referencia ás necesidades do alumnado e lamentando a "incomparecencia" por parte da Xunta. 

Neste sentido, aclaraba que a limpeza é unha competencia municipal pero que a desinfección é un procedemento que corresponde á administración autonómica e lembrou que será necesario realizar limpezas durante o horario lectivo en varias ocasións durante a xornada. Isto suporá un incremento no persoal que atenda este servizo para evitar contaxios.