Un informe da Deputación conclúe que a desinfección dos colexios non é competencia dos concellos

Pontevedra
09 de setembro 2020

O documento, asinado polo secretario xeral do ente provincial, fai referencia á lexislación autonómica e estatal que establece de forma expresa que a desinfección destes centros corresponde ao seu titular, a Consellería de Educación

Campo Lameiro desinfecta o colexio Pedro A. Cerviño e a escola infantil A Galiña Azul
Campo Lameiro desinfecta o colexio Pedro A. Cerviño e a escola infantil A Galiña Azul / Concello de Campo Lameiro

"A desinfección dos centros escolares por motivo da Covid‐19 non é competencia propia dos municipios e supón unha ampliación das mesmas que excede da pura limpeza”. Desta forma conclúe o informe da Secretaría Xeral da Deputación de Pontevedra, que foi solicitado por concellos para coñecer o alcance real do Protocolo de Adaptación ao contexto da Covid‐19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020‐2021.

O informe asinado polo secretario xeral da Deputación, que xa foi remitido aos concellos, inclúe toda a normativa tanto estatal como autonómica en materia de educación, salubridade pública e de sanidade nas que non figura nin unha soa excepción para que sexan os concellos os que corran coa desinfección dos centros.

Tamén fai referencia o informe á única normativa estatal que regula a desinfección por posible presenza de coronavirus, que é o Real Decreto Lei 21/2020 do 9 de xuño que recolle que "as administracións educativas deberán asegurar o cumprimento polos titulares dos centros docentes, públicos ou privados, das normas de desinfección, prevención e acondicionamento dos citados centros". 

“Esta nova competencia diríxese ás administracións educativas e os municipios non o son", conclúe o informe de ente provincial. Ademais, no documento alertan de que "para esta nova competencia que se traslada aos concellos mediante unha disposición que non ten rango normativo suficiente non se acudiu nin á delegación de competencias, na que debería valorarse o impacto no xesto nos municipios afectados, nin ao encargo de xestión a través do correspondente convenio que así mesmo deberá acompañarse da financiación necesaria".