Os gastos que a pandemia da covid-19 supuxo para as arcas municipais superaron con creces o millón de euros. E iso só, segundo o Concello, para afrontar competencias que non son súas, senón da Xunta. Por iso, o goberno municipal reclamará o reintegro dese diñeiro.
O tenente de alcalde, Tino Fernández, que actúa estes días como alcalde accidental pola ausencia de Miguel Anxo Fernández Lores, lamentou que "non é de recibo" que o goberno galego "abandone" aos concellos "e vendan xestións que non fan".
"Estamos cansos de ser os pagafantas de todo", engadiu Fernández, que asegura que o goberno municipal de Pontevedra "non vai a escatimar nos gastos" para combater a pandemia, sempre dentro das súas competencias.
A este respecto, só en materia de servizos sociais, o líder socialista asegura que Pontevedra reclamará preto de 400.000 euros á Xunta de Galicia, o diñeiro que, entre outras cuestións, destinouse ao funcionamento de albergues ou á repartición de alimentos.
O Concello, afirma Tino Fernández, "non vimos nin un can" do diñeiro que o Estado entregou á Xunta de Galicia para sufragar os gastos xerados pola covid-19, a pesar do cal asumiu o custo destas actuacións extraordinarias.
A este diñeiro, o edil de Facenda, Raimundo González, engade "como mínimo" outros 700.000 euros que, segundo detallou, o goberno municipal investou na desinfección e limpeza dos colexios ou na hixienización dos parques infantís.
O executivo pontevedrés irá reclamando ese diñeiro "a medida que se vaian facendo os pagos", explicou González, que lamentou que a Xunta "faga pouco máis que nada" e se limite a "culpar" ao Goberno central da emerxencia sanitaria.
"E o que teño que facer llo empaqueto aos concellos", engadiu o concelleiro nacionalista, que censurou que sexan estes os que deban afrontar toda a carga económica da pandemia.