Plantan 3.050 árbores en terreos arrasados polo lume en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo Cotobade
26 de xaneiro 2022

A acción, realizada pola empresa CO2 Revolution, levouse a cabo a unha área de 3,1 hectáreas na localidade de Covas

Plantación de árbores nun terreo arrasado polo lume en Covas Concello de Cerdedo-Cotobade

Nova campaña de reforestación nos montes de Cerdedo-Cotobade. Na localidade de Covas levouse a cabo este mércores a plantación de 3.050 árbores de diferentes especies, tanto arbóreas como arbustivas, nunha área de 3,1 hectáreas.

Levada a cabo pola empresa CO2 Revolution, coa colaboración d0a empresa estadounidense Euronet, centrada en servizos de pago electrónico e caixeiros, e coa asistencia do alcalde Jorge Cubela; a acción serviu para contribuir tamén ao desenvolvemento socioeconómico da zona ao proporcionar emprego a mulleres da contorna rural e persoas de colectivos vulnerables grazas ao programa de inclusión laboral e ao plan de emprego de Cruz Vermella de Pontevedra.

CO2 Revolution, é pioneira no uso de tecnoloxía nas plantacións mediante un modelo integral que combina o uso de sementes intelixentes e biodegradables co emprego de drons e big data. O seu obxectivo é reforestar enormes superficies coa maior eficiencia posible para compensar a pegada de carbono das emisións lanzadas á atmosfera.

O terreo onde se efectúa a reforestación, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en man común de Covas, foi castigado polos múltiples incendios que tiveron lugar nos últimos anos en territorio galego.

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, xa ten mostrada a súa preocupación polos danos causados polo lume, sendo especialmente graves o incendio do ano pasado que chegou a devastar máis de 50 hectáreas de monte. Agora, a presenza de nova vexetación mellorará o establecemento natural de flora e fauna endémica.