Plantas de agasallo en Marín con cada compra de máis de 30 euros para o Día da Nai

Marín
01 de abril 2026

A campaña actívase ata o 30 de abril e premia compras de máis de 30 euros no comercio local cunha planta de agasallo, a recoller o 2 de maio na praza de abastos ata fin de existencias

Rúa comercial de Marín

Unha nova campaña promocional do comercio local busca dinamizar as vendas nos establecementos de Marín de cara ao Día da Nai.

A iniciativa ten como principal obxectivo incentivar as compras no comercio local durante todo o mes de abril e premiar a fidelidade da veciñanza.

A campaña establece que todas aquelas persoas que realicen un gasto igual ou superior a 30 euros en establecementos comerciais de Marín, entre o 1 e o 30 de abril, poderán beneficiarse dun agasallo especial, unha planta de tempada.

Os importes poderán acumularse nun ou varios tickets, sexan do mesmo ou de distintos comercios, e en diferentes datas dentro do período indicado.

As persoas que participen poderán recoller a planta o sábado 2 de maio na caseta de Marín en Rede da praza de abastos de Marín, en horario de 09.00 a 13.00 horas ou ata esgotar existencias.

Este detalle está pensado para que poidan agasallar ás súas nais ao día seguinte, coincidindo coa celebración desta data tan sinalada.

Para poder retirar a planta, será necesario presentar o ticket orixinal de compra, que será selado polo Concello e devolto á persoa beneficiaria no momento.

Ademais de fomentar o consumo no comercio de proximidade, a campaña incorpora un compoñente social, xa que as plantas foron adquiridas ao novo xardín do proxecto O Botánico do Lago, impulsado pola Fundación Juan XXIII no Lago de Castiñeiras.

Deste xeito, tamén se contribúe á inclusión social e laboral de persoas en situación de vulnerabilidade psicosocial.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora