A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou este martes a segunda edición do PlantFest, un festival dedicado á cultura verde que se celebrará o próximo sábado 14 de xuño na Alameda, arredor do palco da música.
Esta iniciativa, impulsada por Ángela Ogando e Esperanza Otero, propietarias dunha floristería na rúa da Oliva, busca promover o coidado das plantas e a importancia dos espazos verdes na cidade.
Gulías destacou que o Concello colabora na cesión de espazos e que este ano o festival contará cun programa moi variado que incluirá concertos, foodtrucks e diversas actividades relacionadas co mundo das plantas.
O evento comezará ás 17:00 horas e finalizará ás 22:00 horas, ofrecendo unha oportunidade única para que as familias e os amantes das plantas disfruten dun encontro compartindo o seu interese pola natureza.
Entre as actividades programadas, destaca o intercambio de escallos. Os asistentes poderán traer un fillo dunha planta do seu fogar para intercambiar por outro, fomentando así a comunidade de amantes das plantas.
Tamén haberá obradoiros para todas as idades, onde expertos compartirán consellos e técnicas sobre o coidado das plantas. As prazas son limitadas, e a inscripción será in situ a partir das 17:00 horas. Haberá un baixo o título "Plantas que medran contigo", con Vanesa Piñeiro; e outro denominado "Un horto na túa maceta: planta unha fresa", ofrecido por Plántate.
Ademais, a programación contempla charlas de Greenfluencers, persoas relacionadas coa promoción do mundo verde que compartirán as súas experiencias nas redes sociais.
Esperanza Otero subliñou a importancia de contar con stands e empresas que ofrecerán plantas e produtos relacionados, así como opcións de comida creativa. "Queremos que as familias se sintan cómodas e disfruten da tarde en contacto coa natureza", afirmou.
A banda The Soulrivers será a encargada de amenizar a xornada con música en directo, creando un ambiente festivo e agradable para todos os asistentes.
Ademais, está prevista unha sesión de música vexetal. Segundo explicou Esperanza Otero, trátase dun movemento cunha innovación europea, onde o artista instala unhas pequenas pinzas nas plantas e fai música que ofrece vibracións diferentes, ofrecendo "un conxunto súper sensorial e innovador".

Por último, vai entregarse o premio Plantlover do ano, destinado á mellor persoa coleccionista de plantas de Pontevedra.
Todas as actividades do PlantFest son gratuítas, incluíndo material para os obradoiros e agasallos especiais para os participantes.
Para máis información, as persoas interesadas poden entrar na páxina web oficial do festival: www.PlantFest.es.
