Plataforma única na reforma da contorna do peirao de Raxó con máis espazo para viandantes e ciclistas

Poio
01 de agosto 2021

A concellería de Promoción Económica logrou fondos europeos do IDAE para rehabilitar de maneira integral a Rúa Ramón Encinas. A actuación contará cun orzamento superior a 800.000 euros e estará finalizada en xullo de 2023 con novos servizos de saneamento, abastecemento e alumeado

Raxó, no Concello de Poio
Raxó, no Concello de Poio

A reforma da Rúa Ramón Encinas en Raxó, nas proximidades ao peirao, concrétase grazas á obtención por parte da concellería de Promoción Económica dunha suma procedente de fondos europeos que permitirá rehabilitar todo este espazo.

A axuda ascende a máis de 563.000 euros e lográbase a través do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Goberno central. Gregorio Agís, responsable da área de Promoción Económica, sinala que o Concello asumirá o 20% do orzamento da obra que superará os 800.000 euros.

Agís e a tenente de alcalde, Chelo Besada, achegáronse ata a zona e anunciou un proxecto moi ambicioso nun espazo estratéxico como é a zona portuaria de Raxó, "que precisa unha importante renovación", indicou o concelleiro. 

A Rúa Ramón Encinas priorizará o tránsito a pé e ciclista, reducindo a circulación de vehículos para ofrecer máis seguridade viaria e rebaixar as emisións de carbono. A obra ofrecerá unha plataforma única dunha lonxitude de aproximadamente 300 metros, coa creación de dúas zonas exclusivas para viandantes, na contorna á praia e na zona de vivendas e locais para mellorar a accesibilidade.

Gregorio  Agís indicou que a obra contemplará a renovación da iluminación e a dotación de servizos como unha rede de augas pluviais. No momento en que se aproben os fondos por parte do  IDAE, o  Concello terá seis meses para tramitar a contratación da obra, que deberá adxudicarse no prazo máximo dun ano. Segundo os cálculos do goberno local, en xullo de 2023 finalizaría a reforma, segundo os  prazos que marca a Unión Europea.

Lembrou tamén que aínda está pendente por parte de Portos de Galicia acometer as melloras no tramo situado entre o espigón ata a PO-308, un espazo de titularidade da Xunta de Galicia. Sinala que se trata dunha demanda  veciñal histórica e que o Concello asinou un convenio coa Xunta en 2009 para que se realizasen estes traballos.