A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 2 de xuño, o pleno ordinario no que se estreou o horario de verán e se debateron asuntos estratéxicos para a vila.
A sesión arrancou ás 21 horas e estendeuse ata pouco antes da media noite nun salón de plenos cheo coa veciñanza da illa de Ons.
Esta presenza debeuse a que unha das mocións que se debateron foi a presentada polo edil non adscrito Daniel Chapela na que se solicitaba a reprobación da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, debido á "mala actuación coa veciñanza da illa" ademais de reclamar a convocatoria urxente da Mesa por Ons.
Neste punto, e antes do debate dos concelleiros, interveu María José Pérez, presidenta da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons, quen reclamou "un acceso digno para as nosas casas" e remarcou o "trato denigrante da conselleira cara nós, pois nin tan sequera quere sentar a falar".
A proposta contou cos votos a favor de Daniel Chapela e do BNG e PSOE, mentres que o PP se abstivo.

OUTROS ASUNTOS
Nesta sesión aprobouse tamén a declaración de caducidade do procedemento de resolución contractual e prescrición da acción con arquivo de actuacións fronte a Estrumaher SA e a modificación da finalidade do Patrimonio Público do Solo.
Segundo explicou Félix Juncal, alcalde de vila, "trátase dun asunto que vén do 2005 e que experimentou diversas dificultades, estando parado dende o 2010" e "por fin podemos dicir que o contrato do traslado e restauración da antiga nave de Massó queda caducado e a acción entre as partes prescrita, liberando tamén ese crédito que nos permitirá dedicalo a outras accións".
A proposta aprobouse cos votos favorables do BNG, PSOE e do concelleiro non adscrito, mentres que o PP se manifestou en contra.
O seguinte asunto era a aprobación da concertación de operación de préstamo a longo prazo para o financiamento da achega municipal para a obra da reforma enerxética e rehabilitación integral do Pavillón Municipal de Beluso.
FOGUEIRAS DE SAN XOÁN E SAN PEDRO
Por outra banda, o Concello de Bueu abre o prazo para solicitar fogueiras para as noites de San Xoán (24 de xuño) e San Pedro (29 de xuño).
Así, e tal e como se recolle no Bando da Alcaldía publicado na web municipal, as persoas que desexen realizar cacharelas nestas noites máxicas, tanto en terreo público como privado, deberán entregar no rexistro a solicitude xunto á documentación completa antes do 12 de xuño.